20050505charles kennedy e candidatos liberal democratas

O final de Charles Kennedy

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Charles Kennedy, clic para aumentar
Os liberais demócratas británicos, un complexo compendio de libertarios e social liberais en constante tensión, decidiron unir os seus destinos na década dos anos 80, diante da constatación de que non había espazo para dous partidos de centro. Con Kennedy, alcanzaron cotas de éxito insoñables dende que caeron en desgraza, logo do éxito do Labour Party en 1922. (Foto: Charles Kennedy coa candidata parlamentaria Anne Lee en Woking o 5 maio de 2005. ©Woking Liberal Democrats).
 

Os problemas de alcoholismo de Charles Kennedy, líder dos liberal demócratas británicos, puxeron fin á súa carreira política. No balance da súa xestión, poucos foron os que se lembraron do difícil cometido que debeu afrontar dende 1999 para asentar a súa formación contra as adversidades dun sistema electoral que o prexudica, coma o terceiro partido político do Reino Unido. Charles Kennedy, conseguiu reforzar os alicerces liberais afirmándose estoicamente contra a guerra de Iraq, o que supuxo recortar a distancia que os separaba de laboristas e conservadores dende unha certa ambigüidade programática que lle permitiu cortexar a votantes dos dous bandos. Como froito, obtivo bos resultados nas eleccións xerais do 2005, pero o escocés tiña os días contados no seu cargo.

Pero a súa dimisión, acontecida o día sete de xaneiro último, non responde exclusivamente ós efectos embriagadores do whisky, senón á ambición dalgúns colaboradores que desexaban os galóns de mando, e ó desexo dos partidos rivais de eliminar o terceiro en discordia que os viña roendo como un cancro.

Os liberais demócratas británicos, un complexo compendio de libertarios e social liberais en constante tensión, decidiron unir os seus destinos na década dos anos 80, diante da constatación de que non había espazo para dous partidos de centro. Con Kennedy, alcanzaron cotas de éxito insoñables dende que caeron en desgraza, logo do éxito do Labour Party en 1922. Penalizados polo sistema electoral, a baixada ás penumbras como terceiro partido a raíz do first past the post, foi unha das razóns do continuo fracaso dos liberal demócratas. Con todo, o éxito relativo de pasar de 20 parlamentarios en Westminster no ano 1992, a 46 en 1997, 52 en 2001 e 62 en 2005, non axudou a que remitise a sensación de ser a eterna alternativa diante do desencanto producido polas opcións conservadoras e laboristas. Non obstante, os liberais representaban unha alternativa irritante, que dificultaba a consecución da maioría necesaria para colocar o desexado primeiro ministro en Downing Street.

Con Kennedy perdeuse o medo a atacar as posicións dos conservadores, e mesmo falouse de reemprazalos como oposición ós laboristas. E por aí chegou a debacle de Kennedy. A ambición comeuno, e ardeu na recreación das propias expectativas. Algúns dos seus esperaban sumar 100 parlamentarios nas eleccións do 2005, e para eles os 62 representantes significaban unha oportunidade perdida. En decembro, moitos aproveitaron para criticar o seu estilo abandonado e a súa capacidade de liderado. Comezáronse a sentir voces que cuestionaban o rumbo emprendido polo partido. E o 5 de xaneiro deste ano, "advertírono" de que a axencia Independent Television News (ITN), ía facer público que recibira tratamento contra o alcoholismo. Todo foi moi rápido.

As variables que levaron ó "derrocamento" do líder liberal non son, por tanto, de compoñente simplista. Á inxustiza do sistema electoral británico, que prexudica ó terceiro partido, únense neste caso as expectativas creadas, e sobre todo, o interese por parte dos dous grandes partidos en desestabilizar ós liberais democrátas, que apuntan como tendencia á súa substitución nas áreas urbanas. Moitas das novas achegas proveñen de distritos gañados ós laboristas en Manchester, Cardiff Central ou Birmingham, sendo segunda forza en moitos puntos, o que dificulta a chegada ó poder dos conservadores sen gañar máis apoio nas cidades.

A decadencia dos conservadores, a invasión de Iraq, a tradicional ideoloxía dos liberal demócratas de darlle poder á sociedade, e o apoio á descentralización e a defensa das liberdades fundamentais, ademais da sensación de promover unha política á esquerda do novo laborismo, tivo un calado importante diante do público das cidades e obrigou ó novo líder conservador, David Cameron, a copiar parte do discurso liberal de "achegarse ós cidadáns".

Agora, despois da caída de Kennedy, ábrese unha nova etapa. Non só para os liberal demócratas, senón tamén para os outros partidos. É a hora de reconquistar o terreo perdido, e canto maior sexa o desconcerto e a oposición entre os candidatos ó liderado dos liberais, máis se pode desinchar o globo do terceiro partido. De momento, tres persoas pretenden substituír a Kennedy. Sir Menzies Campbell, o líder provisional ata que se celebren as eleccións, tamén escocés e que fora presidente dos liberais escoceses xa en 1975, parte con avantaxe ó estar apoiado por máis dun terzo dos parlamentarios liberal demócratas. Simon Hughes, o presidente dos liberal demócratas, tamén parece tomar posicións na carreira, e conta con moito apoio popular, ameazando a candidatura de Campbell. E tampouco convén esquecer a Mark Oaten, o portavoz de política interna, e a Chris Hubne, que pensa tamén en presentar as súas credenciais.

Detrás dos posibles candidatos hai unha confrontación ideolóxica, e non só loitas de xeracións ou de meras sensibilidades. Simon Hughes, está á esquerda do partido, os seus rivais denomínano o "tax-and-spend candidate" e achácanlle que asustara ós posibles votantes desencantados do Partido Conservador. Así e todo, forma parte da mesma corrente que Sir Menzies Campbell, Paul Holmes ou Norman Baker, é dicir, unha corrente do liberalismo social, que entende os postulados do estado do benestar, a protección do consumidor, dos empregados, o medio ambiente… e que asume para o Estado un rol fundamental na protección das liberdades. Esta corrente enfróntase á súa antítese, ó ala libertaria, que non cre no intervencionismo, e ven representada por Mark Oaten e Vincent Cable. Tendencia que é minoritaria dende a refundición do partido en 1988. Oaten, avogado do laissez-faire e do Estado minimal, ten, segundo afirman algúns medios, o apoio do antigo líder do partido, Charles Kennedy, aínda que este formalmente está máis próximo a posicións social liberais.