200507angela merkel e nicolas sarkozy

O mundo de Ánxela Merkel

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Ãnxela Merkel e Nicolás Sarkozy, clic para aumentar
Polo maxín de Ánxela Merkel, xa pululan as estratexias futuras e fronte á distancia que a separan do antigo socio de Schröder, Jacques Chirac, promove unha aproximación ó ministro do interior, Nicolás Sarkozy, un dos posibles sucesores, e o candidato con maiores similitudes. Merkel e Sarkozy coinciden na exclusión de Turquía da UE, na dureza das políticas de inmigración e, sobre todo, coinciden nas reformas liberais da economía, en especial as reduccións dos impostos directos. Sarkozy, visitará Berlín o 16 de febreiro. (Foto: Ánxela Merkel e Nicolás Sarkozy en xullo de 2005).
 

A segunda xuntanza dos máximos dirixentes de Francia e Alemaña en París o luns 23 de xaneiro marcou un punto de inflexión nas relacións franco-alemanas, e constrúe un novo andar na ambiciosa política exterior da chanceler alemana, Ánxela Merkel, dende a súa chegada ó poder.

A Alemaña de Gerhard Schröeder, apostara pola confianza no socio francés, Jacques Chirac, e polo diálogo con Vladimir Putin en directa oposición ó unilateralismo estadounidense. Co primeiro, compartía a longa experiencia no poder e o feito de vivir a madurez da súa carreira política á fronte dos seus respectivos países. Gerhard Schröder, no derradeiro encontro con Chirac en París, aproveitou para castigar as teses neoliberais e promover o modelo social europeo, nun ataque directo á CDU de Merkel. Con Rusia, os intereses enerxéticos e a necesidade de apoios a nivel internacional que dificultasen o intervencionismo USA fortaleceron os vínculos, evitando os comentarios espiñentos sobre os dereitos humanos en Chechenia. Schröder pretendía a consolidación da UE baixo a éxida francoalemana, e que se afortalase como contrapeso ós EEUU. Pero, finalmente, o intento de conseguir un posto permanente no Consello de Seguridade da ONU, outra das pretensións do executivo de Schröder, fracasada, e a estocada final do rexeitamento da Constitución Europea no referendo de Francia e Holanda, e a perda da maioría que respaldaba ó goberno Schröeder nas eleccións anticipadas, acabaron coas ambicións do antigo chanceler.

Agora abriuse unha nova etapa, e Ánxela Merkel viaxa de Oriente a Occidente proclamando a súa nova doutrina: Alemaña debe ter un papel predominante, acorde co seu peso económico e político. Os astros parecen querer axudala: en dous meses, Merkel asentouse a nivel internacional e interno, batendo records de popularidade segundo Der Spiegel.

A debilidade do SPD logo da desaparición dos máximos dirixentes (Schröder e Franz Müntefering), unha batería de escándalos internacionais que marcaron a traxectoria do socialdemócrata e ministro de Asuntos Exteriores, Frank-Walter Steinmeier, o antigo asesor de Schröder en política exterior e de seguridade, e a tamén implacable consolidación dentro do seu propio partido, a CDU, son as bazas sobre as que asenta a estratexia de goberno da Merkel.

O SPD imaxinaba que sería doado dominar á inexperta Merkel, sobre todo naquelas materias que quedaban nas súas mans; pero as ilusións esvaecéronse ós poucos días de tomar posesión do cargo. As visitas a Washington, París e Moscova, servíronlle para recadar as favorables portadas dos xornais, e para establecer unha liña de corte atlantista. Conseguiu restablecer a confianza con George W. Bush, que se deteriorara en certa medida coa entente de Gerhard Schöder e Jacquec Chirac, contra a guerra de Iraq. Ademais, o escándalo dos vos da CIA, e o recoñecemento de que o antigo ministro do interior, Otto Schily, e o de asuntos exteriores, Joshcka Fischer, coñecían os secuestros de cidadáns alemáns pola axencia norteamericana, sumado ó secuestro da alemana Susanne Osthoff en Iraq e ás revelacións de que EEUU recibiran información dos servicios secretos alemáns para os bombardeos en Iraq, acabaron en gran medida coa credibilidade dos socios de goberno do SPD.

Neste senso, a orientación atlantista de Merkel aínda se acentuou máis a raíz da actitude agresiva do presidente iraniano, que xustifica as posturas e os límites de confianza da chanceler Merkel con respecto ó dossier iraniano, desmarcándose da traxectoria que Schröder viña mantendo. Un bo exemplo é que á chanceler alemana non lle agradou un novo sistema antiaéreo ruso que instalou o réxime de Teherán. Preocúpalle o feito de que os posibles bombardeos de Israel e EEUU ós emprazamentos nucleares se vexan obstaculizados. Non obstante, a pesares desta actitude proclive a cooperar cos EEUU, gaña terreo na opinión pública criticando a Washington por mantelo cárcere de Guantánamo, sen arriscar a boa relación co presidente George W. Bush, a quen ata algúns republicanos reprochan a existencia desta prisión ilegal.

A visita a Rusia, tamén lle permitiu definir, asemade a súa particular "ostpolitk", marcar distancias con Putin, ao declarar a importancia das relacións económicas, ao mesmo tempo que criticaba a situación dos dereitos humanos en Chechenia. Unha conducta distinta á que rusos e xermanos estaban habituados con Schröder, e que ven precedida pola crise gasística cos países veciños de Rusia, que se viu acentuada pola insistencia de Merkel en afondar na democracia rusa, e recibir a un grupo de opositores ó executivo de Putin na embaixada alemana.

Agora tocoulle a quenda ó presidente francés, que despois dunhas desafortunadas declaracións sobre o uso da forza atómica, a "force de frappe", das que de seguro había recibir algún comentario por parte da chanceler alemana, correspóndelle enfrontar as cuestións polémicas que opoñen ós dous países. En primeiro lugar, cómo encarar o futuro de Europa e o fracaso da constitución europea; en segundo, as reduccións sobre o IVE nos restaurantes, unha das promesas electorais de Chirac no 2002, sen esquecer a necesidade de potenciar os compromisos en investigación, emprego e política enerxética.

Non houbo acordo sobre ningún dos temas clave. Chirac non foi quen de convencer a Merkel para que levantara o veto sobre a modificación do imposto do IVE que se debe levar a cabo a nivel europeo. Ademais, Merkel non ve ningunha razón para que Europa non teña unha constitución que foi xa aceptada por trece países. No entanto, polo maxín de Ánxela Merkel, xa pululan as estratexias futuras e fronte á distancia que a separan do antigo socio de Schröder, Jacques Chirac, promove unha aproximación ó ministro do interior, Nicolás Sarkozy, un dos posibles sucesores, e o candidato con maiores similitudes. Merkel e Sarkozy coinciden na exclusión de Turquía da UE, na dureza das políticas de inmigración e, sobre todo, coinciden nas reformas liberais da economía, en especial as reduccións dos impostos directos. Sarkozy, visitará Berlín o 16 de febreiro.