20060501campo gas san alberto evo morales

Desintegración?

Nacionalizado, clic para aumentar
Certo que a decisión de Evo Morales de nacionalizar a industria dos hidrocarburos pode desatar tensións con Arxentina e Brasil, pero tamén pode alivialas. En La Paz contemplan a posibilidade de ampliar as súas exportacións de gas a Paraguai, Uruguai e, eventualmente a Chile, no suposto de que este país acceda a buscar unha solución á antiga demanda boliviana de recuperar a soberanía marítima perdida na Guerra do Pacífico (1879-1883), xa reiterada por Evo a Bachelet. Bolivia podería integrarse no proxecto de construción dun gasoducto sudamericano, promovido por Venezuela, que abastecería en maior volume aos seus veciños do Mercosur.
 

América Latina volve a mirada cara si mesma. Fronte aos que pregoaban unha integración seguindo o modelo europeo, e outros que auspiciaban a sinatura de tratados de libre comercio bilaterais (TLC) con EEUU, o proxecto dunha integración diferente, centrada no propio continente, motiva unha intensa actividade política e diplomática.

Os blocos rexionais tradicionais atópanse en plena crise en virtude das disensións que separan a diferentes líderes, todos eles co mesmo denominador común de pertencer a unha esquerda moi plural e dos que moitos, paradoxalmente, agardaban un pulo fortalecedor dunha integración xa deseñada pero que non daba arrancado. Nun ano políticamente decisivo, con múltiples eleccións na practica totalidade dos países da rexión, tamén o destino da integración está en xogo. Mercosur e a Comunidade Andina de Nacións, viven momentos de especial anguria. Chávez anunciou a saída de Venezuela da CAN. En Montevideo, Tabaré quer reducir o papel do seu país no Mercosur á dun simple asociado, mentres busca acordos con EEUU. Tanto Bolivia como Venezuela consideran que os TLC impulsados por EEUU neutralizan os procesos de integración rexional e converten a CAN ou o MERCOSUR en papel mollado.

Os motivos desta efervescencia son moi diferentes. Uns, por razóns ideolóxicas e políticas, desexan unha viraxe máis á esquerda, establecendo a necesidade de elixir entre América Latina e EEUU; outros, denotan o peso das diferenzas bilaterais (as papeleiras de Uruguai envelenan as relacións con Arxentina). Mesmo Chávez, que anunciara a súa adhesión ao Mercosur, declaraba á Folha de Sao Paulo que os días desta asociación están contados se non reacciona con rapidez. Pero os esforzos mediadores de Lula non poden con todas as crises a un tempo e mesmo pode verse ultrapasado por outras dinámicas de maior alcance. O encontro na capital cubana do 29 de abril pasado serviu para dar a coñecer o Tratado de Comercio dos Pobos, subscrito por Venezuela, Bolivia e Cuba.

Este renovado vigor político rexional desenvólvese nun entorno no que as vellas rivalidades non foron substituidas índa por unha nova solidariedade. Permanecen as reticencias de Brasil e Chile respecto de Arxentina, ou as de Perú e Bolivia con Chile e Uruguai. Venezuela semella dispoñer dun proxecto e dun recurso (a dobre enerxía suficiente) que permiten visualizar a súa crecente influenza na rexión. Certo que a decisión de Evo Morales de nacionalizar a industria dos hidrocarburos pode desatar tensións con Arxentina e Brasil, pero tamén pode alivialas. En La Paz contemplan a posibilidade de ampliar as súas exportacións de gas a Paraguai, Uruguai e, eventualmente a Chile, no suposto de que este país acceda a buscar unha solución á antiga demanda boliviana de recuperar a soberanía marítima perdida na Guerra do Pacífico (1879-1883), xa reiterada por Evo a Bachelet. Bolivia podería integrarse no proxecto de construción dun gasoducto sudamericano, promovido por Venezuela, que abastecería en maior volume aos seus veciños do Mercosur. La Paz posúe as reservas de gas de maior importancia en América do Sur despois de Venezuela (que conta con máis do triple). Enerxía suficiente, pois, para desfacer moitos malentendidos e sustentar unha integración seguindo un modelo propio. Realidade ou soño, pronto o saberemos.