Entre La Habana e New York

 14 MNOAL Conferencia Cumbre A Habana 2006, clic para aumentar
Os Non Aliñados son maioría esmagadora en Nacións Unidas e, de estar unidos, poderían condicionar de forma importante a influencia relativa dos países máis poderosos, en primeiro lugar, reformando ese Consello de Seguridade onde están claramente marxinados. Chávez, en La Habana, resucitando a actualidade do conflito Norte-Sur, tentou inflamar de antiimperialismo os Non Aliñados, erguéndose en portavoz dun descontento que ten claro a quen fustrigar: EEUU que, a diferenza de Annan, non foi convidado á capital cubana. (Foto: Bandeiras nunha rúa de La Habana anunciando a 14 Conferencia Cumio do Movimento de Países Non Aliñados, MNOAL).
 

A Asemblea Xeral de Nacións Unidas reúnese en Nova York. O Cumio dos Non Aliñados concéntrase en La Habana. Dunha banda, ambas referencias son expresión das dificultades para se adaptar aos novos tempos que corren. Doutra, ambas formulan proxectos de revitalización co propósito de desempeñar un papel máis activo na conformación da nova orde internacional.

Paralizada durante a guerra fría, Nacións Unidas viviu un momento de esperanza coa fin da URSS, axiña defraudada polo unilateralismo de EEUU e a súa instrumentalización ou desprezo en función do apoio ou non aos seus obxectivos estratéxicos. Recentemente, a ONU aprobou reformas importantes, creando novas estruturas en materia de consolidación da paz e de dereitos humanos que se deberían completar coa elección de novos membros permanentes sen dereito de veto e a ampliación do grupo de non permanentes. Annan abandonará este ano a secretaría xeral sen ver completada esta transformación que evita aínda os asuntos máis espiñentos.

Se as cousas non son doadas en Nacións Unidas, tampouco o consenso sobrancea no Movemento dos Non Aliñados, que aínda arrastra a pouco acaída denominación da guerra fría. A morea de estados que o compoñen presenta poucos trazos comúns (de Malasia a Cuba, as diferenzas son máis que xeográficas), a non ser unha visión compartida, pero non igual de intensa, do rexeitamento do actuar das grandes potencias tradicionais, eses que pontifican en nome da "comunidade internacional" asumindo unha representación que ninguén lles outorgou e que tenden a monopolizar as decisións máis importantes. Pero esa coincidencia non da aínda para afirmarse como unha opción internacional crible.

Os Non Aliñados son maioría esmagadora en Nacións Unidas e, de estar unidos, poderían condicionar de forma importante a influencia relativa dos países máis poderosos, en primeiro lugar, reformando ese Consello de Seguridade onde están claramente marxinados. Chávez, en La Habana, resucitando a actualidade do conflito Norte-Sur, tentou inflamar de antiimperialismo os Non Aliñados, erguéndose en portavoz dun descontento que ten claro a quen fustrigar: EEUU que, a diferenza de Annan, non foi convidado á capital cubana. En Malasia, no anterior cumio, si estivo presente. A sempre explicable, pero lamentable, incoherencia, tamén é un signo común a Nacións Unidas e os Non Aliñados.