20060628 lula e beneficiaria bolsa familia

Lula II

 Bolsa familia, clic para aumentar
A promoción do microcrédito, a bolsa-familia, a elevación do salario mínimo ou o abaratamento de bens foron a clave deste apoio, pero agora, sen deixar de profundalos, reclaman a superación da fase asistencialista, esencial nun primeiro momento para reducir as desigualdades, para afianzarse e traducirse en políticas de desenvolvemento. (Foto: Lula na cerimonia pola inclusión de 11,1 millóns de familias no Programa Bolsa Familia, o 28 de xuño de 2006. ©Ricardo Stuckert/PR).
 

A reforma política foi anunciada por Lula como unha das prioridades do seu segundo mandato, a iniciar a partir do primeiro de xaneiro. As denuncias de corrupción, que afectaron a case un terzo dos membros do Congreso Nacional dende o ano pasado, os numerosos parlamentarios que mudan de partido por comenencias persoais distorsionando o resultado electoral e as caóticas alianzas locais establecidas nestas últimas eleccións, xustifican a necesidade dunha reforma que fortaleza aos partidos brasileiros. Pero non lle será doado acadala. Con só 83 deputados na cámara baixa e unha representación máis minoritaria aínda no Senado, o PT dependerá, outra vez, das coalicións para poder asegurarse as maiorías necesarias. As dificultades do primeiro mandato guiaron a política de subornos para intentar acadalas, xerando os múltiples escándalos coñecidos. Certo que Lula contará desta vez con maior apoio entre os gobernadores estaduais (case dous terzos dos 27), con forte influenza na política brasileira, pero a gobernabilidade non está, nin moito, menos garantida.

Outra reforma importante e igual de problemática é a laboral. Como se trata do proxecto de lei máis doloroso, sobre todo para as bases do PT, é probable que o presidente tente aprobala rapidamente, xa en 2007, mentres aínda mantén intacta toda a lexitimidade que lle deu a rotunda vitoria electoral: o 60,83 por cento dos votos válidos, 58,3 millóns de cidadáns, 11,6 millóns máis ca na primeira volta do primeiro de outubro. O seu rival, Geraldo Alckim, non só non sumou, senón que perdeu 2,4 millóns dos sufraxios obtidos na primeira volta.

A outra fronte é a combinación das políticas sociais e de crecemento económico. Lula asegurou que vai poñer máis énfase nos pobres, pero sen deixar de lado a obsesiva contención da inflación e as duras políticas de austeridade fiscal que caracterizaron o seu primeiro mandato, co obxectivo de reducir a débeda pública. Lula recibiu un apoio masivo deste segmento da poboación. No Nordeste, a rexión máis pobre de Brasil, obtivo o 77 por cento dos votos válidos e noutras, a súa maioría superou o 82 por cento. A promoción do microcrédito, a bolsa-familia, a elevación do salario mínimo ou o abaratamento de bens foron a clave deste apoio, pero agora, sen deixar de profundalos, reclaman a superación da fase asistencialista, esencial nun primeiro momento para reducir as desigualdades, para afianzarse e traducirse en políticas de desenvolvemento. Lula aspira a un crecemento mínimo do cinco por cento a partir do ano próximo (o ano pasado foi do 2,3 por cento e non será moi superior este ano).

O terceiro asunto da axenda é o propio PT, moi debilitado polos escándalos. Marco Aurelio García, o seu presidente interino, anunciou a convocatoria dun congreso para o próximo ano para impulsar a reorganización que lle permita rexurdir dos escándalos e crises que levaron a substituír a súa dirección ata tres veces no lapso dun ano. A re fundación do PT, coa progresiva perda de poder por parte de Sao Paulo en favor dos líderes do interior do país, parece inevitable.