20060629 corea norte kim jong il

Mísiles ou bengalas?


 Kim Jong-il, clic para aumentar
Kim Jong-il busca desesperadamente un acordo con EEUU nos próximos meses que lle permita garantir o subministro de enerxía e de alimentos. Nesa desesperación, os mísiles substitúen as bengalas, unha mostra máis do absurdo contrasentido que circunda a singular e perigosa paranoia norcoreana.
 

Ian Bremmer, presidente do Eurasia Groupo e membro do World Policy Institute, afirmaba recentemente que a Kim Jong-il non lle gusta sentirse ignorado. Nesa perspectiva, a proba balística ten o claro propósito de chamar a atención, aínda que, en substancia, en moi pouco pode variar o status quo diplomático que rodea este contencioso. China deu mostras de condena, pero a acción de Pyongyang reforza o seu intento de reiniciar as conversas hexapartitas, en stand by dende hai seis meses. Os sectores máis militaristas da administración estadounidense tamén revalidan os seus argumentos a prol do desenvolvemento do escudo antimísiles: hai que estar preparados. O goberno xaponés terá máis fácil convencer á cidadanía de que cómpre abolir as cláusulas pacifistas da Constitución de 1947. En suma, a todos os grandes actores do conflito convenlles entrar no ameazador xogo de Kim Jong-il, a sabendas de que dificilmente pode pensar en atacar a ningún país veciño nin alentar, por si só, unha carreira de armamentos en Asia.

A voz máis discordante segue a ser a de Seúl. Formalmente instalado no mesmo discurso ca estadounidenses e nipóns, o certo é que Corea do Sur suspira por un acordo co Norte que permita unha reconciliación na península, engada estabilidade e permita albiscar unha nova onda de desenvolvemento. Esa actitude díscola de Seúl recibe numerosas voces críticas e mesmo algúns a consideran unha desviación da shunshine policy (política de raio de sol) que puxera en marcha o ex presidente Kim Dae-jung, que non pretendía sacrificar a reconciliación co Norte á alianza con EEUU, senón que as tres partes sentaran arredor dunha mesma mesa. Pero Roh Moo-hyun, actual presidente, semella ter outra visión da seguridade na península, facéndoa menos dependente da presencia das forzas estadounidenses, problema que constitúe un serio obstáculo na reconciliación co Norte.

Kim Jong-il busca desesperadamente un acordo con EEUU nos próximos meses que lle permita garantir o subministro de enerxía e de alimentos. Nesa desesperación, os mísiles substitúen as bengalas, unha mostra máis do absurdo contrasentido que circunda a singular e perigosa paranoia norcoreana.