20030318 victor yanukovich visita otan

O rescate de Ucraína

 Víctor Yanukovich, clic para aumentar
Perdidas as eleccións presidenciais de 2004 na "terceira volta", unha vez que a segunda fora anulada por fraude, Yanukovich, agora á fronte do goberno, pode dispoñer con folgura dos cen días de rigor á vista da enorme desilusión xerada entre a poboación polos líderes da revolución laranxa. (Foto: Víctor Yanukovich durante unha visita en marzo de 2003 á sede da OTAN en Bruselas).
 

Mesmo cos datos na man, resulta cada vez máis difícil predicir os resultados dalgúns comicios. En Ucraína, a elección de Víctor Yanukovich como primeiro ministro sería inimaxinable hai poucos meses, e menos co apoio do presidente prooccidental, Víctor Yushenko. Certo que a formación liderada por Yanukovich foi a máis votada, pero os programas de ambos líderes amosan numerosas contradicións. Quizais por iso, a gran perdedora, Iulia Timoshenko, descualificou esta entente entre prorusos e prooccidentais, augurándolle pouco futuro.

Dous anos despois da revolución laranxa, a presión dos oligarcas e demais poderes fácticos alentan esta complexa alianza na que sobresaen dous diferendos de importancia: a entrada na OTAN e o futuro da lingua rusa en Ucraína. Ámbolos dous Víctor "comparten" puntos de vista contrarios. Yushenko aspira a un ingreso rápido na OTAN, mentres Yanukovich non admite máis que unha modesta cooperación, remitindo a decisión final a un referendo. No referente á lingua, as formacións prorrusas reivindican que o idioma de Tolstoi sexa tamén lingua oficial de Ucraína. Segundo os datos de 2001, os rusos supoñen o 17% da poboación.

Perdidas as eleccións presidenciais de 2004 na "terceira volta", unha vez que a segunda fora anulada por fraude, Yanukovich, agora á fronte do goberno, pode dispoñer con folgura dos cen días de rigor á vista da enorme desilusión xerada entre a poboación polos líderes da revolución laranxa. En Moscova tampouco ocultan a súa alegría. Agora contan en Kiev cun aliado tradicional, se ben iso obrigaralle a facer concesións en asuntos sensibles como as negociacións en materia de volume e prezo dos subministros de gas natural.

O parcial "rescate" de Ucraína da un respiro a Putin. En Rusia observase con preocupación o estreitamento dos lazos militares de EEUU con algúns países veciños. Moscova, ao igual que algunhas capitais europeas, non disimulan o seu descontento polo unilateralismo de Washington que pouco a pouco traslada o centro de gravidade da súa influencia en Europa coa intención de fortalecer os intercambios cos países de Europa central e oriental, nomeadamente Polonia, Hungría e Bulgaria. Descontentos coas diverxencias transatlánticas e divorciados dos valores europeos, nestes países predomina un ambiente proestadounidense. A xeografía é unha cousa e a política outra. E Bruxelas quédalles máis lonxe ca Washington.