20060126 sao paulo lula assentamento terra livre

Outro Lula non é posible

 Lula, clic para aumentar
Outro Lula é posible? Agora todo será máis costa arriba, entre outras cousas porque coa perda de 26 deputados entre os grupos que apoian ao goberno (o PT gañou en Baía pero perdeu estados como San Pablo, Minas Gerais, Rio), seralle máis difícil gobernar. (Foto: Lula durante unha visita ao asentamento Terra Livre, en São Paulo).
 

Esta é a derradeira semana de campaña electoral en Brasil. Lula non debería ter grandes dificultades para gañar, aínda que tamén parecía que non as ía ter na primeira volta. Desta, ata moitos dos críticos pola esquerda se mobilizaron para evitar o peor escenario, unha vitoria de Geraldo Alckmin. Esa onda de pragmatismo que leva a apostar polo menos malo é outra expresión do fracaso do mandato de Lula, iniciado con tanta esperanza e malogrado ata o punto de non permitir a súa reelección sen esta necesaria humillación (Cardoso, por exemplo, foi reelixido na primeira volta). Lula desperdiciou rapidamente as súas vantaxes de partida: o seu capital de popularidade e o control do aparello estatal.

É verdade que Lula tivo moitas cousas en contra, en especial, a moitos medios de comunicación que se recrearon a eito coa perda de rumbo do PT e do lulismo. A campaña da dereita foi especialmente agresiva e logrou erosionar a súa figura ata conseguir o que parecía imposible. Pero a clave principal reside na decepción, consecuencia non dos erros de Lula senón da súa política. Non vale a desculpa de que a corrupción é algo normal no Brasil. Todos agardaban do PT un comportamento ético que dignificase as institucións e a política. Pero o PT acabou enredado nas corruptelas, involucrándose en mil e unha irregularidades. Tanto ten que houbera ou non enriquecemento persoal ou que os obxectivos fosen máis ou menos nobres. O dano está feito e da igual que Lula estivese ou non ao tanto de tan nefastas operacións. Malo, tanto se si coma se non.

Moito agardaban del os movementos sociais. Pero as reformas prometidas en 2002 non foron cumpridas. E poucas esperanzas hai de que neste segundo mandato poida introducir un xiro na súa política económica. Os programas sociais, con ser positivos, saben a moi pouco nun Brasil rebordante de desigualdades e inseguridade. A humanización da economía buscada por Lula, cos seus controvertidos golpes de sinceridade, foi feble. E na política exterior, as expectativas de liderar alternativas ao hexemón estadounidense na rexión, foron indo a menos de día en día. Outro Lula é posible? Agora todo será máis costa arriba, entre outras cousas porque coa perda de 26 deputados entre os grupos que apoian ao goberno (o PT gañou en Baía pero perdeu estados como San Pablo, Minas Gerais, Rio), seralle máis difícil gobernar. E moito máis acreditarse como un revulviso e autentico reformador da política brasileira. Aínda que un, neste prognóstico, preferiría equivocarse.