algeria 2005 tadrart dunas sahara 01

A sombra de Al Qaeda planea sobre o Magreb


 Dunas na rexión de Tadrart no Sahara alxerino, clic para aumentar
A desarticulación en Tunicia dun grupo terrorista adestrado polo GSPC, de quen tamén recibía apoio financeiro e armamentístico, unido ós ataques do grupo integrista alxerino contra dos cuarteis do exército no norte de Mauritania e a estreita colaboración que mantén co GICM, dan a entender que os traballos de concertación, lonxe de ser un proxecto de futuro, xa teñen comezado. O lugar clave atoparíase, segundo diversos informes de intelixencia, en pleno corazón do deserto do Sahara, nesa terra de ninguén a cabalo entre varios estados que conforma o Sahel, onde o GSPC tería establecido o seu cuartel xeral e os seus campos de adestramento para a Yihad. (Foto: Dunas na rexión de Tadrart, no Sahara alxerino).
 

O Grupo Salafista pola Predicación e o Combate (GSPC), moi activo en Alxeria, anunciou o 26 de xaneiro, nun comunicado difundido por Internet, que cambiaba a súa denominación pola de Al Qaeda no Magreb Islámico, “co total acordo de Ben Laden”. Confirmábase así a declaración de intencións do pasado mes de novembro, cando os líderes do GSPC reafirmaban a súa lealdade á internacional terrorista, amais da “sinceridade dos lazos que vencellan ós moujahidines alxerinos cos seus irmáns de Al Qaeda”. Esto, xunto cos derradeiros desenvolvementos que apunta cara unha maior coordinación entre os diferentes grupos terroristas magrebíes, é fonte de inquietude, como ben quedou patente na recente reunión de ministros do Interior árabes celebrada en Tunicia. “O terrorismo é hoxe a nosa preocupación maior”, sinalábase na declaración final dun encontro onde tódolos participantes conviran redobrar esforzos diante da ameaza integrista.

Do total de 7 células que o pasado ano desmantelou a policía marroquí, só unha, Ansar Al Mahdi, era un producto cen por cen local, a pesares da súa pretendida orientación chií. Non é un segredo que a Salafiya Yihadiya como corrente islamita, xunto con Al Qaeda, están na orixe da creación do Grupo Islámico Combatente Marroquí (GICM) e do propio GSPC. Para Mohamed Benallal, experto universitario en temas de terrorismo islamita, “existe unha coordinación entre os diferentes movementos magrebíes, o cal non é un feito orixinal. No caso de Marrocos, por exemplo, o único que cabe preguntarse é, alusión ás súas grandes carencias financeiras, cal é o grao de autonomía do yihadismo marroquí?”. “Pouco, xa que moitas destas células teñen nacido aproveitando a actual conxuntura internacional e o auxe yihadistas, así como a visibilidade mediática que teñen algúns grupos en Internet”, resposta Abdellah Rami, politólogo especializado en redes islamitas.

A vella aspiración de Al Qaeda de crear un mando unificado no norte de África concretouse a finais do mes de novembro segundo datos revelados polo instituto –especializado en radicalismo islámico– Stratford dos Estados Unidos. Ese foi o momento no que la internacional terrorista tería dado instruccións precisas nese senso ó GSPC, presuntamente a través de Aymen Al-Zawahiri, número dous da organización. Este labor, non só de coordinación, senón tamén de adestramento, endoutrinamento e apoio loxístico, comprende ó GICM, ó Grupo Islamita Combatente Libio (GICL) e a toda unha pléiade de grupúsculos presentes tanto en Túnez como na propia Mauritania, entre os que destaca o Grupo Yihadista Tunecino.

A desarticulación en Tunicia dun grupo terrorista adestrado polo GSPC, de quen tamén recibía apoio financeiro e armamentístico, unido ós ataques do grupo integrista alxerino contra dos cuarteis do exército no norte de Mauritania e a estreita colaboración que mantén co GICM, dan a entender que os traballos de concertación, lonxe de ser un proxecto de futuro, xa teñen comezado. O lugar clave atoparíase, segundo diversos informes de intelixencia, en pleno corazón do deserto do Sahara, nesa terra de ninguén a cabalo entre varios estados que conforma o Sahel, onde o GSPC tería establecido o seu cuartel xeral e os seus campos de adestramento para a Yihad.

Doutra banda, a organización de Osama Ben Laden lanzou, o pasado mes de xaneiro, unha chamada a facer a Guerra Santa que, asinada pour un tal Ahmed Abou Abdallah, dirixíase a tódolos xoves alxerinos, exipcios, libios, marroquís e tunecinos, baixo o título “Fillos do Magreb musulmán: esta é a vosa hora”. Aquí, Al Qaeda exhorta á mobilización contra “o infiel”, personificado este nos intereses estranxeiros presentes en “terra do Islam” e nos “poderes locais corruptos en conivencia con estes”. Non falta, como tamén é costume, as incesantes alusións á paupérrima situación dos “irmáns palestinos”, á intrusión “aliada” en Iraq ou ás repetidas humillacións padecidas a mans dos “cruzados” trala pérdida do tan mitificado Al Andalus.

Algunhas legacións diplomáticas presentes no Magreb teñen incrementado os seus dispositivos de seguridade, sobre todo tralo atentado de decembre en Alxer contra un autobús de transporte de empregados dunha empresa estadounidense. A esto hai que engadir os continuos chamamentos do GSPC contra os estranxeiros. No último, que data do 3 de xaneiro, impelíase ós alxerinos “a combater ós cidadáns franceses e ós cruzados que ocupan a nosa terra”. “Francia, que saíu pola porta e volve pola fiestra, en coalición con Estados Unidos, está espoliando as nosas riquezas e apoderándose do control dos nosos destinos, en complicidade co ladrón da nosa propia casa”, en alusión ó presidente alxerino, Abdelaziz Bouteflika.

(Versión en catalán de este artículo en www.avui.cat).