O SNP: Seis meses de goberno en minoría e aínda rufo

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Idiomas Galego
 Alex Salmond; clic para aumentar
Alex Salmond ten sona de arriscado, de xogador no bon senso da palabra, e botou para diante en maio. Neste congreso de Aviemore, esperaban algúns que fose máis moderado nas súas afirmacións. Ao revés, insistiu nos avances obtidos en materia de servizos e desafiou aos políticos de Westminster e aos ingleses en xeral a que seguisen o seu exemplo en vez de queixarse.
 

O Partido Nacionalista Escocés acaba de celebrar en Aviemore o seu congreso anual, o primeiro como partido gobernante. Chegara a esa posición, impensábel por tantos anos, nas eleccións de maio deste ano. A minoría era precaria: 47 diputados dun total de 129, e só un máis que os do Partido Laborista. Con todo, Alex Salmond decidiu gobernar en minoría. Estaba claro que a principal dificultade para formar unha coalición era o independentismo do SNP, que levaba no seu programa unha promesa de plebiscito coa opción de independencia total antes do fin do seu mandato.

Alex Salmond ten sona de arriscado, de xogador no bon senso da palabra, e botou para diante en maio. Neste congreso de Aviemore, esperaban algúns que fose máis moderado nas súas afirmacións. Ao revés, insistiu nos avances obtidos en materia de servizos e desafiou aos políticos de Westminster e aos ingleses en xeral a que seguisen o seu exemplo en vez de queixarse. Se os servicios sociais non milloran en Inglaterra, dixo, maís lles valía aos ingleses seguir a política progresista do Goberno e o Parlamento de Escocia. E para coroar a súa prédica, repetiu a promesa de plebiscito para antes das próximas eleccións, que tocan en 2011.

É certo que a distancia en cuestións de educación e saúde, por exemplo, entre Escocia e Inglaterra vai a máis. E, en xeral, nos eidos cedidos ao Parlamento de Holyrood. A abolición das taxas académicas, o cuidado gatuito das persoas de máis idade, os medicamentos cuase gratuitos, e cada vez máis perto da gratuidade total, todo iso e moi visíbel e irrita a moitos ingleses, que xulgan que están financiando boa parte disos beneficios. É verdade que un dos pontos fracos da autonomía é a forte doazón de fondos públicos británicos ao executivo escocés. A cuantía dese desembolso é fixada pola famosa fómula Barnett. Famosa polo complicada, pero que no remate asegúralle a Escocia unha boa procentaxe do orzamento do Reino Unido.

Salmond non se deixa prender pola posibel perda dos fundos de Barnett, e so audaz argumento é que, coa independencia, o petróleo escocés compensaría e máis que compensaría esa perda.

Das tres autonomías británicas, a escocesa é a que está resultando máis liosa para o goberno do escocés que mora no número 10 de Downing Street. O próximo pesadelo vai ser a insistencia cada vez maior en que se resolva a famosa cuestión que chaman de West Lothian: o paradoxo de que os diputados que representan circunscripcións escocesas no Parlamento do Reino Unidos podan votar sobre asuntos que afectan exclusivamente aos ingleses, pero éstes non teñan voz nin voto nos que son da competencia do Parlamento de Edimburgo. Por dar un exemplo, a lexislación de tempos de Blair sobre hospitais e taxas académicas foi aprobada grazas a votos de diputados escoceses, que podían permitirse o luxo de apoiar ao goberno sen que repercutise para nada nos seus representados, que seguían disfrutando da lexislación escocesa, máis avanzada.

Da para alarmar a Brown a noticia de que os Tories, na súa fervente procura de programa, están pensando en incluir no seu manifesto a promesa de que en asuntos que afecten só a Inglaterra non voten nada máis que os diputados que representan circunscripcións de Inglaterra, que formarían un Gran Comité dentro do Parlamento de Westminster. Responden os laboristas que ese sería o primeiro paso para a criación dun Parlamento Inglés, nun camiño de desmebración do Reino Unido. E, sin os diputados laboristas de Escocia en Westminster, esfarelaríase a maioría laborista.

Veñen tempos interesantes nas autonomías. E non só na escocesa.