Europa baixo mínimos

 Ãngela Merkel, clic para aumentar
Non é só como facilitarlle a Sarkozy e a Balkenende a escusa que precisan para que os seus respectivos cidadáns sigan apostando por esa vella utopía. A nómina de euroescépticos e bastante máis ampla. Doutra maneira, non se entendería que en todo este tempo ninguén protagonizara, como ao fin acabou facendo a alemana Ángela Merkel, a reactivación dese proxecto democratizador. (Foto: Ángela Merkel abre a sesión do Consello Europeo de Bruxelas o 21 de xuño de 2007).
 

A Europa política que a fallida Constitución precociñaba no seu articulado vai ter que seguir pendente. Nada presaxia que no Consello que hoxe se abre en Bruxelas os 27 retomen o proceso que os plebiscitos de Francia e Holanda pararan en seco. Porque non é só como facilitarlle a Sarkozy e a Balkenende a escusa que precisan para que os seus respectivos cidadáns sigan apostando por esa vella utopía. A nómina de euroescépticos e bastante máis ampla. Doutra maneira, non se entendería que en todo este tempo ninguén protagonizara, como ao fin acabou facendo a alemana Ángela Merkel, a reactivación dese proxecto democratizador. Blair non é o único. Nin os que o siguen quedan reducidos aos xemeos Kaczynski. Hai moito nacionalismo rancio polo medio.

Seducir aos duros non vai ser nada doado. Rebaixar os contidos é unha arma de dobre gume. Pode que un tratado de mínimos lles salve a cara a algúns, e que ao tempo vexan con iso o camiño expedito para conseguir o que máis lles importa: un goberno económico. Xa caeron na conta de que, fronte a unha economía globalizada, non hai Estado que resista por separado. A necesidade obriga. No campo da política, xa é outra cousa. Cada dirixente estatal mide a súa capacidade de resistencia política de dúas maneiras, complementarias entre sí: blindando fronteiras e formalizando alianzas en función das estratexias que mellor afortalen esa blindaxe.

É como se explica a adicción euroatlántica de Blair, que Sarkozy xa se comprometeu a emular, enchendo de ledicia a Bush. Por outra parte, coa idea de crear unha Unión Mediteránea, o novo presidente francés tenta unha alter/UE, de costas polo tanto aos intereses comúns dos 27.

Van algúns dos máis euroescépticos dispostos a que trunfe a idea de marcar un calendario para un tratado "de mínimos". Para salvar a cara cunha nova retórica institucional, pero sen poñer en risco nada que non estea xa nos tratados de Roma e Maastricht, e nas ampliacións de Amsterdam e Niza. A Europa política tería que avanzar no proceso de democratización institucional, e tamén no da súa representación única ante o mundo. Que non suceda como até agora, sempre chupando roda norteamericana. Abonda con observar como ante a traxedia civil en que está a dar o drama palestino, Europa volve facer seguidismo dos bombeiros que acoden a sofocar o incendio que contribuíran a prender. España non pode ceder nese campo. De facelo, ZP traicionaría o que xa está plebiscitado.