canada quebec

Vive le Québec Natión!

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Idiomas Galego
 Canadá e Quebec, clic para aumentar
Para o Líder parlamentar do BQ, Gilles Duccepe", declarar a Quebec nación é unha grande vitoria xa que este recoñecemento da identidade deste territorio supón un avance, que nunca fora recoñecido no país.
 

Dun día para outro, La belle province, acadou o recoñecemento como nación dentro de Canadá. A decisión abrumadoramente maioritaria, do Parlamento canadiano, de recoñecer a existencia dunha nación nas súas entrañas e dos correspondentes dereitos nacionais dos habitantes francófonos, so contou con 17 votos en contra, e provocou unha vítima política. O ministro de Relacións Intergobernamentais, encargado das relacións entre Ottawa e Québec, Michael Chong, mostrouse visiblemente contrariado cunha decisión que contou co respaldo de 226 parlamentarios, pero que para o ministro dimisionario abre ás portas para o progreso dun "perigoso" nacionalismo étnico.

A razón da viraxe dos partidos de ámbito estatal no recoñecemento do status de nación para Québec, no está tanto na convicción da existencia dunha realidade nacional no territorio francófono como nunha estratexia de poder e reequibrio político territorial interno.

O Bloc Quebècoise que promovera dous referendos de independencia nos anos 1980 e 1995, perdeu o último por escasos 54.000 votos, e conserva unha importante porcentaxe de votos, que alimentan a posibilidade de demanda dun terceiro referendo no que as cifras poderían ser favorables a independencia. En 1995 a opción que negaba a independencia gañou por unha escasísima marxe: o 50,6%, contra do 49,4%.

O feito de que o texto aprobado faga referencia a unidade do Estado, non foi motivo para que os francófonos votasen contra da moción. Para o líder parlamentar do BQ, Gilles Duccepe, "contrariamente o que poderíamos pensar, foi unha grande vitoria para aqueles que defenden unha visión soberanista do Quèbec, xa que este recoñecemento da identidade deste territorio supón un avance, que nunca fora recoñecido no país".

Na opinión do primeiro ministro conservador Stephen Harper, que gañou as eleccións en xaneiro de 2006, este tipo de iniciativa pode satisfacer as demandas nacionalistas dos sectores máis moderados do Québec e quitaría o apoio ás propostas independentistas do BQ, que nalgunhas enquisas o sitúan por riba do 50%. A súa pretensión procuraba, así mesmo, enmarcar na Constitución de 1982, a unha denominada ate agora Provincia, que non subscribira esta marco legal constitucional e ao tempo frear a posibilidade dun novo referendo que se albisca no horizonte político a partires do 2008.

Non son da mesma opinión sectores da intelectualidade e medios de comunicación centralistas que se mostran moi críticos con Harper porque consideran que este paso é unha irresponsabilidade política e territorial, xa que reforza e da argumentos teóricos á causa que promove a independencia do Québec.

Este episodio acontecido na outra beira no Atlántico, nun país que recibe cada ano 250.000 inmigrantes amparados pola legalidade, no que cidades como Toronto ou Vancouver teñen unha composición poboacional en razón da súa orixe particular, xa que a metade dos seus habitantes naceron no estranxeiro, pode servir para que en Galicia poidamos pescudar nas razóns da negación do termo de nación para a definición identitaria que debe figurar no novo estatuto de Galicia.

En Galicia, como en Canadá, non hai argumentos teóricos na defensa ou negación do termo Nación. En boa lóxica terminolóxica, lingüística e sociopolitica, non existe termo máis acaído para definir o que Galicia representa como territorio e como realidade política que o de Nación. Pero as estratexias de recuperación do poder pensadas en función do conxunto do Estado poden dilatar indefinidamente o recoñecemento desta realidade, ate que unha nova conxuntura de interese partidario faga máis viable este recoñecemento.

Pasaron case 40 anos dende que o xeneral De Gaulle fixera coñecida a frase "Vive le Quèbec Libre", o 24 de xullo de 1967, para que se puidese exclamar en todo Canadá Vive le Québec Natión! Deberemos agardar tanto os galegos?