200704 cabo verde 01

Cabo Verde: luces e sombras da modernidade

 Construción dunha escola infantil en Covao Sanches, clic para aumentar
Un dos problemas máis graves, identificado por tódolos habitantes das illas, é o da vivenda, que segundo a zona, encarece moito pola falta de materiais esenciais. Ademais da evidente escaseza da auga, a area tamén é un problema grave. Sirva de exemplo o custe que supón para a Cámara de Santa Cruz, que a importa de Mauritania e ten un custe medio de 400 euros por camión, fronte os 50 euros que pode custar no intercambio interno nas Cámaras da Illa de Fogo. (Foto: Construción dunha escola infantil en Covao Sanches, Illa de Santiago, Cámara Municipal de Santa Cruz. ©Fondo Galego).
 

Recén chegada dun breve, pero intenso periplo polo arquipélago caboverdiano, veño de experimentar un choque de sensacións propio da diversidade que dentro dun mesmo país se podería atopar en calquera parte do mundo, coa particularidade, neste caso, dunha enorme influenza estranxeira, para o bo, e para o malo.

A vida, as xentes, as paisaxes… mudan moito nesta república, de pouco máis de trinta anos de independencia, que medra dun xeito acelerado, coas vantaxes e desvantaxes que iso conleva.

Tendo a oportunidade de falar con cadros dirixentes, formados na súa grande maioría no estranxeiro (Portugal, Rusia, Bélxica, Austria, Francia, España, Italia…) e tamén coa xente de a pé, coma min, puiden experimentar a coincidencia de visións en canto ás necesidades, as singularidades e as esperanzas, que uns e outros teñen postas na súa nación.

Foi moi curioso que durante a miña estadía se falara nos medios de comunicación de se Cabo Verde debía ter un aliñamento pro-europeo ou pro-africano. E a resposta era clara, "somos e temos que ser caboverdianos", co que elo conleva de africanos, na súa localización e cultura, e de europeos na súa relación e na súa emigración.

Non debemos esquecer que Cabo Verde nace na Illa de Santiago, onde está encadrada a capital, Praia, illa utilizada coma punto de abastecemento de escravos entre Brasil e as Indias, e onde nace a lingua crioula (lingua oral que trataba de imitar a lingua portuguesa dos colonos para poder comunicarse con eles), que apesares de non estar actualmente incluída no sistema escolar e de non contar con gramática, todos coñecen e falan, e utilizan como lingua de comunicación común, en tódolos ámbitos diarios.

Sen embargo, debo dicir que o desenvolvemento do país, que a poboación agradece moito a europeos e norteamericanos pola súa contribución, empeza a tomar un cariz perigoso, en especial (¡oh!, casualidade) no que atinxe ao "boom" inmobiliario.

Un dos problemas máis graves, identificado por tódolos habitantes das illas, é o da vivenda, que segundo a zona, encarece moito pola falta de materiais esenciais. Ademais da evidente escaseza da auga, a area tamén é un problema grave. Sirva de exemplo o custe que supón para a Cámara de Santa Cruz, que a importa de Mauritania e ten un custe medio de 400 euros por camión, fronte os 50 euros que pode custar no intercambio interno nas Cámaras da Illa de Fogo.

O paradoxo establécese cando observamos os grandes "resorts" e as inmensas casas que estranxeiros e emigrantes constrúen, froito, cabe pensar, dese desexo de facer partícipes dos seus trunfos aos seus compatriotas, posicionamento moi occidental: máis teño, máis valgo. Isto non quer dicir, non sexa mal interpretado, que os nacionais que deberon saír do país para poder mellorar as súas condicións de vida (a poboación caboverdiana fóra do país supera, aproximadamente, en máis do triplo a que nel reside) non sexan, coas súas remesas, unha das principais fontes de riqueza, ademais de que moitos deles colaboran moi activamente en proxectos de desenvolvemento cos seus concidadáns.

Pero a man da fenda da diferenza social cérnese aquí con certas prácticas, por nós xa coñecidas: elevación dos prezos, presións políticas e económicas dos parceiros estranxeiros para investir no lugar, etc.

Quixera reivindicar, pois, nestas liñas, como "occidental", alcume co que eles mesmos nos definen, a necesidade de que teñamos en conta que os caboverdianos, son polo xeral, xente amable, loitadora e esperanzada e que xa deben facer fronte a unha orografía moi complicada (illas de orixe volcánico, con moi pouca auga, con problemas graves inclusive para a súa agricultura por mor da filtración de auga salgada nas súas zonas de cultivo…) como para que nós tratemos de impoñer a nosa agresiva expansión. Pódese gozar deste afable país sen necesidade de privar aos seus habitantes do que xa a natureza lles restrinxiu abondo.