20071127annapolis ehud olmert george bush mahmud abbas

De Annapolis a Beirut

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Ehud Olmert, George W. Bush e Mahmud Abbas; clic para aumentar
O cumio de Annapolis semella máis dirixido a consolidar as posicións xeopolíticas e militares de EEUU e Israel en Oriente Próximo, contando cunha serie de aliados dentro do mundo árabe como Exipto, Xordania, Arabia Saudita, os emiratos do Golfo Pérsico e o partido Al Fatah. Este cálculo político tenta conter o posible eixe liderado por Irán e presuntamente secundado por Siria, Hamas en Palestina e Hizbulah no Líbano, así como simpatizantes e aliados externos a ese eixe como poden ser os casos de Venezuela e Rusia, defensores do programa nuclear iraniano. (Na foto, de esquerda a dereita, Ehud Olmert, George W. Bush e Mahmud Abbas en Annapolis o 27 de novembro de 2007).
 

Un errático cumio de paz para un irreparable Oriente Próximo. Este semella ser o diagnóstico esencial da xuntanza entre palestinos, israelís e dirixentes de 40 países, celebrada a partir do martes 27 na localidade estadounidense de Annapolis.

Enmarcado nunha conxuntura pre-bélica que hipoteticamente apunta a Irán, este cumio expresamente convocado polo presidente George W. Bush é o primeiro intento directo e oficial en sete anos de goberno neoconservador en Washington por alcanzar algún tipo de acordo entre israelís e palestinos.

Pero os lapsos temporais chegan tarde e dentro dunha conxuntura aínda máis complexa e delicada, tamén polo feito de que, atópandose no seu último ano na Casa Branca e na recta final do seu mandato, Bush ten unha necesidade imperiosa de lograr algún tipo de acordo tanxible e un triunfo político e diplomático en Oriente Próximo.

O eixe de Annapolis

Os participantes en Annapolis dan fe de cal é a estratexia de Bush para Oriente Próximo: resucitar a desprestixiada Folla de Ruta de 2002, sepultar o fracasado plan para o Gran Oriente Próximo concibido no 2004 e consolidar a última estratexia de Washington de agosto pasado, de crear "eixes xeopolíticos aliados" dentro dun ambicioso plan de asistencia militar ata o 2018.

Pero o cadro deixa moitas dúbidas aínda no caso de que esta estratexia perdure cun cambio de goberno na Casa Branca en novembro de 2008 e queda por ver se un próximo goberno do Partido Demócrata en Washington pode darlle continuidade a esta estratexia impulsada por Bush.

Centrado no seu eixe estratéxico con Israel, Bush busca propiciar a definitiva consolidación política de Mahmud Abbas como líder dun Estado palestino "domesticado" e dominado por unha facción de Al Fatah mais proclive a manter relacións con Israel e os países occidentais. Non obstante, se a autoridade de Abbas amósase cuestionada dentro de Al Fatah e Cisxordania, posiblemente Washington e Tel Aviv xa teñan en mente ao seu sucesor.

Así pois, o obxectivo está claro: propiciar un cerco exterior ao partido islamita Hamas que, a todas luces, segue a ser a única autoridade lexítima dentro da Autoridade Nacional Palestina, tralo seu triunfo electoral en xaneiro de 2006. Con este panorama, o líder de Hamas, Ismail Haniya, declarou que non recoñecería ningún acordo con Israel.

O feito de que o obxectivo en Annapolis sexa non permitir nin a consolidación de Hamas en Gaza nin a súa posible expansión cara unha Cisxordania baixo mando de Al Fatah posibilita a lexitimación internacional dun cerco contra Hamas, confinándoo dentro dos límites territoriais de Gaza, cun dramático cadro social e económico que está a piques de provocar unha grave crise humanitaria.

De Beirut a Teherán

Mentres Annapolis toma forma, non deixa de ser significativa a crítica conxuntura política no Líbano. A renuncia, o pasado fin de semana, do presidente Emil Lahoud deixa ao país de novo baixo as tensións étnicas, relixiosas e sectarias, así como na órbita dos intereses exteriores, principalmente Siria, Israel, Irán, EEUU, Arabia Saudita e Francia.

As crises palestina e libanesa son unha metáfora de ata qué punto é necesario e viable o cumio de Annapolis. O apuro por darlle forma a un cumio de paz errático dende o seu principio e enigmático incluso entre os países participantes, non da pe a ningunha especulación efectiva e positiva sobre qué acordo de paz é posible para a rexión.

O cumio de Annapolis semella dirixido a consolidar as posicións xeopolíticas e militares de EEUU e Israel en Oriente Próximo, contando cunha serie de aliados dentro do mundo árabe como Exipto, Xordania, Arabia Saudita, os emiratos do Golfo Pérsico e o partido Al Fatah. Este cálculo político tenta conter o posible eixe liderado por Irán e presuntamente secundado por Siria, Hamas en Palestina e Hizbulah no Líbano, así como simpatizantes e aliados externos a ese eixe como poden ser os casos de Venezuela e Rusia, defensores do programa nuclear iraniano.

Annapolis é a expresión significativa da errática política de Bush para Oriente Próximo, unha estratexia mais dirixida a consolidar alianzas políticas e militares que a dar cabida a un amplo proceso de paz rexional, contando con países como Irán e Siria e con movementos islamitas como Hamas e Hizbuláh. Annapolis non servirá de referencia para a pacificación e a estabilidade en Oriente Próximo.