20071110 santiago chile cumio iberoamericano

O efecto Chávez

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Zapatero, rei Juan Carlos e Chávez; clic para aumentar
O posterior e elevado ton de confrontación no cruce de declaracións durante a clausura do cumio, que deron paso ás acusacións de Chávez (de costas á dereita) contra Aznar e a sen precedente e inapropiada resposta por parte do rei Juan Carlos I (no centro coa man alzada), calibraron o desexado efecto político buscado dende o inicio por parte do presidente venezolano. Non obstante, o seu erro estivo en non contar coa posterior defensa "institucional" por parte de Zapatero (2º pola esquerda) a Aznar, que permitiu crear unha sensación de incomodidade xeral cara Chávez, así como o seu parcial illamento.
 

Toda a serie de especulacións sobre a recente crise diplomática entre Venezuela e España, trala confrontación verbal no Cumio Iberoamericano entre Hugo Chávez, Zapatero e o rei Juan Carlos, obrigan a explorar as razóns ocultas tras esta polémica e ata que punto afectará ás relacións bilaterais entre Caracas e Madrid.

Gran parte desta liorta semella identificarse baixo o prisma das respectivas conxunturas electorais en Venezuela e España. Chávez acudiu ao cumio de Santiago de Chile cun panorama altamente volátil e conflitivo no seu país de cara á celebración en decembro do referendo para a reforma constitucional, consulta electoral que contribúe a afondar a crónica polarización sociopolítica que vive o país suramericano.

No caso español, resulta evidente a materialización dunha pre-campaña electoral entre o PSOE e o PP de cara ás eleccións xerais de marzo de 2008. Dentro desta perspectiva, o tema das relacións españolas con Venezuela, dos investimentos españois neste país, da presenza dunha elevada emigración española e das tensións que xera o proxecto socialista de Chávez supón un punto candente de discusión que, tralo recente enfrontamento verbal en Chile, vai adquirir unha dimensión máis ampla.

Chávez tentou manexar ambas conxunturas electorais aínda que con resultados abertamente diferentes. Apenas chegara a Santiago de Chile iniciou unha forte crítica ao papel dos empresarios españois en América Latina e contra a implicación do goberno de José María Aznar no golpe de abril de 2002. A súa estratexia, evidentemente, consistía en colocar este tema no centro de debate do cumio, labor que contou coa colaboración inicial do presidente arxentino Néstor Kirchner e, posteriormente, do nicaragüense Daniel Ortega.

O posterior e elevado ton de confrontación no cruce de declaracións durante a clausura do cumio, que deron paso ás acusacións de Chávez contra Aznar e a sen precedente e inapropiada resposta por parte do rei Juan Carlos I, calibraron o desexado efecto político buscado dende o inicio por parte do presidente venezolano. Non obstante, o seu erro estivo en non contar coa posterior defensa "institucional" por parte de Zapatero a Aznar, que permitiu crear unha sensación de incomodidade xeral cara Chávez, así como o seu parcial illamento.

Outro cálculo se observa dentro do escenario venezolano. A secuencia de críticas posteriores ao cumio por parte de Chávez cara os investimentos españois en América Latina e, particularmente en Venezuela, así como a súa advertencia de "revisar a fondo" as relacións con Madrid, permítelle radicalizar a súa posición e manter unidos aos seus simpatizantes de cara á aprobación do referendo da reforma constitucional, tomando en conta o elevado cariz de confrontación nas rúas e o inquietante momento político que vive Venezuela nas semanas previas ao referendo.

Sen menosprezar un determinado sentido de lexitimidade en parte das súas acusacións, non deixa de ser evidente que Chávez utilizou un ton esaxerado que aumenta a polémica ao ser aparentemente utilizada con fins políticos e electorais.

Afectará esta polémica durante moito tempo ás relacións entre Chávez e España? A pesar da escalada de declaracións por parte de Chávez e do prudente silencio de Madrid, todo parece indicar que o punto estable de inflexión ocorrerá a mediano prazo, enmarcado nun período temporal que vai desde o referendo de reforma constitucional do próximo 2 de decembro ata as eleccións xerais españolas de marzo de 2008.

Ademais destes factores políticos e electorais, existen diversos mecanismos conxuntos entre Caracas e Madrid capaces de propiciar e afondar no acercamento bilateral. Pero todo isto tamén depende da non perpetuación, a nivel oficial, do actual clima de irritación e a súa consecuente expresión polos canais políticos e informativos.