recep tayyip erdogan e abdullah gul

Supremacía islamita en Turquía

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

 Recep Tayyip Erdogan e Abdullah Gül; clic para aumentar
Un momento clave estará na posible designación de cargos militares, potestade legal que terá directamente nas súas mans o propio Gül. Se o actual presidente se decanta por permitir o ascenso de elementos militares simpatizantes co islamismo, a tradicional casta militar laica e nacionalista, probablemente dirixida por Buyükanit, calcularía esta situación como o suceso que xustifique un posible golpe militar. (Foto: O primeiro ministro, Recep Tayyip Erdogan (esquerda), e o actual presidente, Abdullah Gül, durante unha sesión de goberno).
 

A elección de Abdullah Gül como presidente da República turca supón non só unha viraxe histórica na traxectoria republicana dese país (por vez primeira un islamita ocupa a presidencia) senón que revela sinais específicas sobre os tempos de cambio que está a vivir este estratéxico país.

Con Gül na presidencia, o gobernante Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP polas súas siglas en turco), confirma a súa hexemonía no novo mapa político para os próximos anos. Esta realidade outorga ao AKP a potestade de ser o partido con maior estabilidade gobernamental dentro do volátil sistema político turco dos derradeiros quince anos, un sistema caracterizado polos gobernos minoritarios, dependentes de coalicións precarias e inestables na súa duración.

A consolidación do AKP

A reelección lexislativa do AKP en xullo pasado para un novo mandato de cinco anos, con Recep Tayyip Erdogan repetindo como primeiro ministro, lexitima política e socialmente a un partido de raíz islamita e conservadora no seu programa e discurso pero que, en termos prácticos de conformación sociopolítica e realidade de goberno, logrou conformarse nunha especie de partido centrista, reformista e liberal.

Trala súa creación no 2001, herdeiro da tradición islamita do Partido da Prosperidade (Refah Partisi) do ex primeiro ministro Ecmettin Nerbakan, o ascenso do AKP no sistema político turco vese identificado non só polo apoio dos estratos sociais máis humildes e rurais, especialmente provenientes da Anatolia central e oriental, así como das simpatías de determinados sectores intelectuais e de esquerdas en Ankara e Estambul.

O factor primordial que explica a consolidación do AKP é a súa emerxente clase media económica e administrativa, que reclama o seu protagonismo na política nacional, e que constitúe o piar decisivo na consolidación do AKP como un partido aparentemente insubstituíble e necesario dentro do actual sistema político turco.

Esta pluralidade política e de clases sociais dentro do AKP e as súas vitorias electorais e lexislativas explican porqué a sociedade turca depositou a súa confianza nun partido ao que identificaba como o único capacitado para garantir estabilidade e iniciar un amplo proceso de reformas políticas e sociais.

Os cidadáns e os parlamentarios turcos votaron ao AKP e a Gül non necesariamente polo seu programa islamita senón pola súa capacidade de gobernabilidade e o seu carácter reformista.

A derrota dos militares

A reelección do AKP e Erdogan e a presidencia en mans de Gül supoñen tamén unha contundente derrota para a poderosa casta militar turca e a súa pretensión “histórica e moral” de ser os baluartes do laicismo e o republicanismo turco, así como o “arbitro principal” da política turca.

Ningún membro do Estado Maior militar estivo presente na elección presidencial de Gül, dando a entender que o pulso segue na mesa e que os militares non acaban de dixerir a supremacía política do AKP.

Coa presidencia e a xefatura do goberno en mans dos islamitas do AKP, reforzados pola súa maioría parlamentaria, a casta militar turca e os seus aliados políticos (o líder do Partido Republicano do Pobo –CHP-, Deniz Baikal, así como diversos partidos minoritarios de diversas tendencias políticas) observan cómo fracasou o seu pulso político e social, iniciado en abril pasado, para acabar co goberno de Erdogan.

Incluso trala designación de Gül como presidente, diversos parlamentarios do CHP reaccionaron favorablemente ante a necesidade de propiciar un acercamento co AKP, con fin de garantir aínda máis a estabilidade gobernamental.

Deste xeito, o AKP coloca o discurso islamita, reformista e de inclusión social no centro do debate político turco, afastando a preeminencia tradicional do secularismo e do nacionalismo turco. Velaí porque durante o goberno do AKP se propiciou o debate nacional cara temas anteriormente tabú na sociedade turca como o xenocidio armenio de 1915, a incontestable identidade nacional e a situación do pobo kurdo.

Con esta nova realidade, o dilema está na bancada da elite militar. Noutros tempos protexida por Occidente, principalmente polos intereses estratéxicos da OTAN en de contención ao comunismo durante a “guerra fría”, a casta militar turca e, en especial o seu xefe de Estado Maior, Yasar Buyükanit, observan agora cómo Europa e EEUU celebran positivamente o triunfo do AKP e a designación presidencial de Gül, virando o tradicional apoio occidental cara os militares turcos.

Este aspecto propicia unha situación particular para Turquía e a súa casta militar. Este país, membro estratéxico militar da OTAN, está actualmente gobernado por islamitas que rezan e fan público (aínda que moderadamente) a súa fe relixiosa pero que, curiosamente, non desdeñan a tradicional vocación occidental turca.

O descontento dos militares turcos cara os seus aliados occidentais foi motivo do repentino acercamento de Turquía a países como Rusia e Irán, así como as presións actuais por invadir o Kurdistán iraquí, contrariando os intereses europeos e estadounidenses.

Qué futuro para Turquía?

Pese ao seu triunfo político e persoal sobre os militares e os seus aliados políticos, Erdogan e Gül afrontarán toda serie de problemas para gobernar neste período que finaliza no 2012, considerado como vital para as negociacións de admisión turca na Unión Europea.

Tanto Erdogan e Gül, publicamente confesos nas súas aspiracións europeístas, tentarán non irritar en demasía á casta militar e os partidos laicistas, afastando definitivamente a falacia de que o AKP manexa unha “axenda islamita oculta” destinada a transformar Turquía nun Estado islámico.

Neste sentido, a mediano prazo se discutirán reformas constitucionais sumamente necesarias, especialmente no relativo ao afondamento cara unha maior democracia social e a ampliación da representatividade política, pero coidando de que esta supremacía do AKP non remate por provocar a unha elite militar que non oculta a súa frustración.

Asuntos como Chipre, a posible guerra no Kurdistán iraquí e os vaivéns nas negociacións do ingreso turco na UE complicarán tamén a gobernabilidade do AKP, feito que será oportunamente aproveitado pola casta militar para demandar eleccións anticipadas ou ben forzar unha intervención directa na política turca, con consecuencias imprevistas e nefastas.

Un momento clave será a posible designación de cargos militares, potestade legal que terá directamente nas súas mans o propio Gül. Se o actual presidente se decanta por permitir o ascenso de elementos militares simpatizantes co islamismo, a tradicional casta militar laica e nacionalista, probablemente dirixida por Buyükanit, entendería esta situación como unha razón de peso para xustificar un posible golpe militar.

Outro factor a considerar é o pulso interclasista dentro do AKP e as presumibles tensións políticas engadidas. Erdogan e Gül están apoiados pola ascendente clase media económica, administrativa e intelectual, cunha preeminencia e protagonismo que podería provocar problemas coas bases sociais mais populares, relixiosas e conservadoras, que urxen transformacións mais radicais e un maior peso específico nas decisións de partido e do goberno.

Pero é unha realidade que Turquía vive unha “revolución silenciosa” da man do AKP. Incluso pódese falar dun “modelo turco” que Washington non oculta e que ve exportable cara outras realidades no mundo islámico. É notorio que algo se move en Ankara, aínda que o péndulo non clarifique de todo cara onde se dirixe.