Ao día de hoxe, pode que a OTAN se converta no peor símbolo de Europa e do chamado mundo occidental. Non sei se procedía disolvela ou non, unha vez desaparecida a Unión Soviética. Pero si sei que, hoxe, actuando en Afganistán, fóra dos seus lindes propios e ao servizo da política de Bush, é unha causa máis de terrorismo.
Unha cousa é que non haxa unha política europea "Mr Pesc esfórzase para que non a haxa" e outra que nos prestemos a facerlle aos EEUU o noxento traballo que estamos facendo en Afganistán, emporcándonos alí á par que en parte os liberamos a eles da responsabilidade nas masacres diarias naquel país.
Nada máis lóxico que o terrorismo creza e que Europa sexa un dos seus obxectivos prioritarios. Porque unha cousa é que esa guerra estea autorizada pola ONU e outra que unha organización militar occidental, de carácter disuasivo, interveña nunha loita ofensiva ás ordes dos EEUU, en vez de facelo cada país se así lle parecese. Pero ese sometemento á política imperial só nos traerá problemas e ningún ben.