20070608 consello europa paris dick marty

A democracia inmoral

 Dick Marty no Consello de Europa en París, clic para aumentar
O informe presentado a pasada semana polo senador suízo Dick Marty (na foto), membro do Consello de Europa, a propósito dos vos secretos da CIA, é demoledor. As perversións orixinadas como consecuencia da "guerra contra o terror" son, literalmente, aterradoras.
 

O informe presentado a pasada semana polo senador suízo Dick Marty, membro do Consello de Europa, a propósito dos vos secretos da CIA, é demoledor. As perversións orixinadas como consecuencia da "guerra contra o terror" son, literalmente, aterradoras. Sabiamos da deriva fascista en EEUU, onde Bush converteu a práctica da tortura en política oficial "e non só en Guantánamo", pero a implicación da OTAN e de numerosos gobernos europeos, a diferente nivel, nestas operacións, desacredita, nunha dimensión ben profunda, as conviccións máis elementais de líderes e gobernos que amosan unha miseria e corrupción moral verdadeiramente inaudita. Unicamente o hábil adormecemento das nosas conciencias fai explicable a tímida reacción que se ten rexistrado ata o momento, quizais neutralizada pola pretendida natureza excepcional dos feitos, atendendo a un hipotético carácter marxinal dos mesmos e non á gravidade das violacións cometidas.

Non son só as típicas dobre moral ou a corrupción (o pago de subornos por Londres ao príncipe Bandar pola compra de material militar é outro escándalo maiúsculo) as condutas que ensombrecen a democracia; persoas e réximes tan firmemente comprometidos coa defensa da vida e da dignidade humana (desde a UE a ese Vaticano que estes días acollían a visita de Bush), e que gustan de facer declaracións altisonantes, invocando a ética e os valores democráticos como signos desa supremacía civilizatoria que lles da dereito a promover o seu sistema político mesmo a canonazos, que imparten soberbias leccións e leccións de soberbia a todos aqueles que buscan vías propias para construír sistemas acaídos á súa propia singularidade, sentando que o actual é definitivo e que calquera posibilidade de experimentación é e será infrutuosa e acabará condenada pola historia, deben render contas.

A deshumanización da política en nome da seguridade leva consigo unha perda de conciencia universal respecto de valores e espazos que considerabamos gañados para sempre. O actual empeoramento da calidade da democracia debería traducirse nunha maior mobilización social fronte a esta execrable forma de cinismo e non na actual rendición cívica. Pensábase que os modelos democráticos suplían as súas carencias no eido social e no ámbito do público cunha forte impregnación de todo o relacionado coa protección dos dereitos e liberdades individuais, que ocupaban unha posición de privilexio respecto dos dereitos colectivos. Podía compensar. Pero a deriva actual confirma un retroceso gravísimo.

En Milán, 26 axentes da CIA comezaron a ser xulgados "en ausencia". Un tribunal acúsaos de secuestrar a un imán exipcio, Abu Omar, que foi vítima dos cárceres secretos. Non hai secreto nin razón de Estado posible que poida evitar o coñecemento público destes feitos. E a magnitude do escándalo é de tal calibre que non debería quedar sen o encausamento de moitos líderes. É imaxinable o escándalo que se orquestraría se fosen os servizos secretos rusos, chineses ou de calquera outro réxime "non conveniente", os involucrados nestas operacións. Os desmentidos oficiais de gobernos como o alemán, romanés ou polaco (da Polonia do reconvertido Kwasnewski e de tanta febre ultracatólica), contrastan co asentimento doutros coma o canadense. Os réximes do antigo socialismo real pagan un prezo incriblemente alto para gañarse as simpatías e o favor da Casa Branca.