A paradiplomacia galega

 Acto de entrega da Estratexia de Acción Exterior de Galicia, clic para aumentar
Galicia tiña un Libro Branco de Acción Exterior e o novo goberno dispón dunha Estratexia específica a este nivel que foi presentada recentemente. Cómpre agora acabar coa inestabilidade orgánica e funcional, e dotala de recursos suficientes para levala adiante con dignidade. (Foto: Emilio Pérez Touriño recolle a Estratexia de Acción Exterior de Galicia da man de Fernando González Laxe, o luns 9 de xullo de 2007. ©Conchi Paz/Xunta de Galicia).
 

No mundo actual, o Estado, sexa ou non plurinacional, non pode monopolizar en exclusiva as relacións internacionais. Aproveitar as oportunidades que brinda a mundialización esixe de todos os actores a disposición de capacidades e de instrumentos de actuación para tomar posicións no mundo en función dos seus propios intereses e obxectivos. No caso de Galicia, a esa razón estritamente económica e comercial, súmase a esixencia cultural e identaria e, consecuentemente, a política. Por iso, a nosa acción exterior, con dúas caras claramente definidas (internacionalización e autoafirmación) precisa dunha estratexia global, integradora, planificada, que atenda ás posibilidades de vertebración dunha presenza exterior propia.

Galicia tiña un Libro Branco de Acción Exterior e o novo goberno dispón dunha Estratexia específica a este nivel que foi presentada recentemente. Cómpre agora acabar coa inestabilidade orgánica e funcional, e dotala de recursos suficientes para levala adiante con dignidade. Cómpren igualmente esforzos para que esa preocupación impregne a todo o goberno e as súas institucións, facilitando mecanismos e vontades de coordinación que impidan a fragmentación dos contados recursos e o deterioro da nosa propia imaxe exterior. Consenso dentro (no goberno), e consenso fóra (coa oposición).

A definición dunha estratexia exterior propia, por último, non debe significar eludir o problema de influir na política estatal. Madrid debe superar definitivamente a etapa de obstrución, xa descartada de facto polo goberno Zapatero, para pasar á inclusión das paradiplomacias periféricas, asumindo, dunha vez por todas, que as autonomías tamén son Estado, mesmo a este nivel. Urxe un desenvolvemento normativo na lexislación estatal que dea cabida ás iniciativas prácticas dos últimos anos. Ese cambio de sensibilidade por parte do Estado, a plasmar nunha normativa do servizo diplomático verdadeiramente innovadora, facilitaría o impulso exterior que Galicia precisa, mesmo sen necesidade de agardar á aprobación dun novo estatuto, misión, polo momento, case imposible.