nicholas burns 01

A pascua iraniana

 Nicholas Burns, clic para aumentar
Washington, por boca do subsecretario de Estado, Nicholas Burns (na foto), reitera unha e outra vez que non está buscando a confrontación con Irán e que a diplomacia é o camiño a seguir. Constatado o caos de Iraq, certamente non cabe imaxinar que alguén considere que máis violencia nesta convulsa rexión pode xerar máis seguridade ou liberdade no mundo.
 

A nova resolución do Consello de Seguridade de Nacións Unidas relativa á crise iraniana, a reacción de Teherán reducindo a colaboración coa AIEA, a captura de soldados británicos, ou a presenza de dous portaavións estadounidenses con buques de escolta na rexión do Golfo, non presaxian nada bo. O comandante Kevin Andard reitera que co aumento da presenza militar na zona non se trata de intimidar a Irán, pero o simulacro naval desenvólvese a escasos quilómetros do mar territorial de Teherán, quen xa declarou a alerta vermella na zona militar do sur do país. Todos os efectivos da Garda Armada Revolucionaria teñen os permisos cancelados e permanecen acuartelados nas súas unidades.

Mentres, en Rusia, o xornal "Fundamentos Semanais" desvelou a existencia dun suposto plan para atacar Irán en plena pascua, realizando ataques selectivos e dirixidos contra supostas instalacións nucleares, ademais do centro de comando das tropas de Ahmadinejad para evitar o contraataque. O golpe, certeiro sobre o papel, debe permitir a paralización do proceso de enriquecemento de uranio, retrotraendo as capacidades de Teherán cinco ou seis anos atrás.

Rusia e China, os máis reticentes no Consello de Seguridade, outorgan un relativo crédito a estes rumores. En Moscova xa advertiron a Teherán de que non participarán a cegas nun xogo anti-norteamericano, e que non aceptan a hipótese de que Irán posúa bombas nucleares ou sexa capaz de fabricalas. Rusia tamén anunciou a suspensión temporal da construción da planta nuclear de Bushire. Esa medida, que daría certo crédito aos propósitos de agresión, é compensada coa crítica a EEUU por intentar arrastrar ao mundo a unha nova crise de consecuencias imprevisibles. En Beijing, algo máis cautos, din rexeitar accións temerarias.

Mentres, Washington, por boca do subsecretario de Estado, Nicholas Burns, reitera unha e outra vez que non está buscando a confrontación con Irán e que a diplomacia é o camiño a seguir. Constatado o caos de Iraq, certamente non cabe imaxinar que alguén considere que máis violencia nesta convulsa rexión pode xerar máis seguridade ou liberdade no mundo. Como consecuencia da crise, no propio Irán, como revelaba recentemente o The Washington Times, a influencia dos militares no poder civil vai en aumento. Un dato pouco tranquilizador. Non haberá vitoria para ninguén se non se evita a guerra.