20071105ramallah condoleezza rice e mahmoud abbas

Enésimo proceso de paz

 Condoleezza Rice e Mahmoud Abbas, clic para aumentar
Abbas conta con pouco peso nos territorios palestinos e Israel, que o sabe, non fará nada que comprometa unha seguridade que o líder árabe non está en condicións de lle garantir. O seu obxectivo é precipitar a caída de Hamas. (Foto: Condoleezza Rice e Mahmoud Abbas en Ramallah o 5 de novembro de 2007).
 

Resulta particularmente irritante asistir a unha nova convocatoria diplomática seica para alentar o esmorecente proceso de paz palestino-israelí cando, en paralelo, Tel-Aviv acorda limitar o subministro do fluído eléctrico e alimentos a Gaza. Parece que será a finais deste mes en Annapolis, capital de Maryland, preto de Washington. A improvisación neste caso semella maior que en anteriores eventos. A escasas semanas, nin sequera está claro quen participará. Suponse que as negociacións non están pechadas de todo, especialmente con algúns interlocutores, reacios a participar en novos compromisos cando os anteriores seguen sen cumprir. Tampouco se sabe que temas serán obxecto de discusión nin que se pretende exactamente, máis alá, claro está, de acreditar ao presidente estadounidense, como aconteceu cos máis recentes inquilinos da Casa Branca, como un líder comprometido coa busca dunha solución ao problema palestino.

O de Maryland será un encontro particularmente impopular. Primeiro, porque impopulares son os convocantes, tanto Bush e Blair, como Abbas e Olmert. Segundo, porque a Folla de Ruta segue a ser un papel mollado e mentras así sexa ninguén poderá crer nas promesas de Bush e Rice sobre a creación dun Estado palestino do que ninguén sabe "nin queren precisar" cales serán as súas fronteiras, cuestión esencial se queremos pasar da virtualidade á realidade. Terceiro, porque a atmósfera pesimista, con tantas nubes negras sobre a rexión, limita as expectativas de lograr calquer avance significativo nos dosieres centrais, dende o futuro de Xerusalén á cuestión dos refuxiados. Abbas conta con pouco peso nos territorios palestinos e Israel, que o sabe, non fará nada que comprometa unha seguridade que o líder árabe non está en condicións de lle garantir. O seu obxectivo é precipitar a caída de Hamas.

Mudará algo en concreto? Condoleezza Rice adiantouse a asegurar que non se trata de organizar unha simple sesión fotográfica, pero Maryland, para desgraza dos milleiros de persoas que deben soportar a diario as dificiles condicións de vida na rexión, se non mudan as cousas, non será máis ca puro e desprezable teatro. O talante bélico de Bush, camiño de cinco anos de guerra en Iraq, demostrouse acedamente estéril. O balance do seu mandato en Oriente Medio, deixa unha rexión menos democrática e máis en tensión ca nunca. Que podemos agardar do seu controvertido talante diplomático? Só xestos sen substancia.