Europa, Europa ….

A afluencia de refuxiados a Europa, moitos deles procedentes de países en conflito como Siria, Libia, Iraq ou Afganistán, todos eles, en maior ou menor medida, brancos da intervención occidental nos últimos anos, deixou en evidencia a pouca vontade política existente para artellar unha resposta continental e internacional coordinada.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

A afluencia de refuxiados a Europa, moitos deles procedentes de países en conflito como Siria, Libia, Iraq ou Afganistán, todos eles, en maior ou menor medida, brancos da intervención occidental nos últimos anos, deixou en evidencia a pouca vontade política existente para artellar unha resposta continental e internacional coordinada.

Segundo ACNUR, a finais de agosto e no que vai de ano, máis de 300.000 refuxiados se aventuraran a cruzar o Mediterráneo, deixado de man dos traficantes de persoas, para chegar a Europa. Segundo as mesmas fontes, perto de 3.000 morrerían no intento. Só a reacción cidadá foi quen de rachar coa indiferenza e a manifesta incapacidade dos Estados, escandalosamente reticentes a asumiren as súas obrigas morais e internacionais, para responder ao desafío garantindo unhas mínimas condicións de dignidade, ademais de urxir medidas de longo prazo que poidan atallar as verdadeiras causas do problema. Os líderes da civilizada e cristiá Europa demoraron inxustificadamente a súa compaixón, optando por pechar fronteiras e regatear as cotas de acollida.

Cabe recordar que Europa está lonxe de ser o principal destino dos refuxiados. Case dous millóns de sirios foron acollidos en Turquía e outro millón no Líbano. Xordania acolleu a uns 700.000. Só un 12 por cento en toda a rexión vive en campamentos de refuxiados merecedores de tal nome. Europa alardea de plans para acoller a varios miles nos próximos anos amosando fendas significativas no compromiso humanitario de certos países membros (non só Hungría, tamén Dinamarca, poñamos por caso). Non deixa de sorprender en todo caso a advertencia dalgunhas autoridades que asocian aos refuxiados de hoxe cos terroristas de mañá ou as insinuacións dunha gran estratexia oculta ideada para sementar Europa de células durmintes. Entre a paranoia e a sociedade do espectáculo, a UE foxe da autocrítica.

O que está a acontecer desloce unha vez mais a bonhomía do ideal comunitario –sustentado pola cidadanía- pero sobre todo é só a punta do iceberg dunha crise que resulta duns conflitos armados e  tensións onde alguén viu a oportunidade para alentar cambios de réxime que derivaron en situacións de colapso que están a pasar factura. A tradicional aposta europea pola negociación e as saídas diplomáticas cedeu nos últimos anos á preferencia polas accións armadas e o apoio a movementos de dubidosa credibilidade democrática que hoxe sementan de terror e masacre determinados países ata o punto de converteren en “menos malos” os gobernos que pretendemos derrocar. Alguén debería explicar que é agora da “responsabilidade de protexer”. Existe para bombardear os palacios presidenciais dos nosos rivais pero non para facilitar que persoas inocentes fuxan da violencia e a persecución?