20071016 teheran vladimir putin e ali khamenei

Un mundo a tres

 Vladimir Putin e Ali Khamenei, clic para aumentar
O evento de maior significado foi a presenza do líder ruso en Teherán, por mor de reunírense alí os países da ribeira do Caspio, un mar considerado interior en tempos da URSS e hoxe salpicado polas discrepancias na delimitación da plataforma marítima cos novos países independentes. Non se trata, claro está, dun problema estritamente físico. O descubrimento de grandes reservas de hidrocarburos no seu subsolo e as diferenzas sobre o control do transporte dos recursos enerxéticos da zona, urxen un consenso entre as partes, entre elas Irán. (Foto: Vladimir Putin e Ali Khamenei en Teherán o 16 de outubro de 2007).
 

A visita de Putin a Teherán, o encontro con Sarkozy e con Rice e Gates en Moscova, e antes en Wiesbaden (Alemaña) con Ánxela Merkel, evidenciaron, no curto espazo dunha semana, a firme vontade do Kremlin de irromper con forza nun escenario internacional no que China, tamén de actualidade estes días polo seu XVII Congreso do PCCh, podía selo segundo referente dunha hipotética bipolaridade no século XXI. Ante os visitantes occidentais, Putin reivindicou a súa condición mediadora no litixio nuclear con Teherán (como China o reivindica en relación a Corea do Norte) e, sobre todo, lembrou que a estabilidade da situación internacional non pode depender en exclusiva dunha única superpotencia. O mundo de Putin é, como mínimo, un mundo a tres bandas.

O evento de maior significado foi a presenza do líder ruso en Teherán, por mor de reunírense alí os países da ribeira do Caspio, un mar considerado interior en tempos da URSS e hoxe salpicado polas discrepancias na delimitación da plataforma marítima cos novos países independentes. Non se trata, claro está, dun problema estritamente físico. O descubrimento de grandes reservas de hidrocarburos no seu subsolo e as diferenzas sobre o control do transporte dos recursos enerxéticos da zona, urxen un consenso entre as partes, entre elas Irán. Pero o que máis preocupa a Moscova, e tamén a Teherán, é a crecente influencia de Occidente na rexión do Caspio.

Afastados en tempos do Sha Reza Palevi e de Jomeini, Rusia e Irán atopan no Caspio un valor esencial para aproximar posturas, reforzadas polos intereses rusos en materia de defensa e económica. Eses intereses específicos de Rusia, que chocan inevitablemente coas demandas occidentais de illamento do réxime iraniano, poderíanse interpretar, cousa que o Kremlin desminte, como unha expresión de política exterior autónoma. Pero cando pon en garda contra calquer ataque militar contra Irán, defende o seu dereito a desenvolver un programa nuclear civil ou asegura que non hai límites para desenvolver as relacións entre os dous países, Putin non fala a mesma lingua ca o resto do G-8.

A Rusia de Putin non é a potencia en bancarrota dos tempos de Ieltsin, cunha economía desorganizada e agoniada polos conflitos internos. Hoxe, recuperada, planta cara a Europa e a Estados Unidos cando os seus intereses non coinciden cos dos países máis industrializados. Por riba, esa actitude procúralle unha popularidade interna engadida que deixa de lado os sabidos rigores da súa democradura.