20071128caracas propaganda referendo contitucional

Venezuela

 Venezuela, propaganda referendo constitucional; clic para aumentar
Ninguén sabe que pasará o día 2 de decembro. Hai semanas todo indicaba que Chávez obtería outra vitoria sen paliativos, pero a oposición, reforzada por desencantados do rumbo do chavismo e case descartada a invocación ao abstencionismo, viu medrar as súas expectativas, polo que cabe imaxinar unha gran mobilización dos respectivos electorados.
 

Poderiamos interpretar que a polémica que envolve a Chávez nas últimas semanas, especialmente intensa, é froito da reacción orquestrada polos poderes mediáticos e económicos que sitúan no día 2 unha perigosa fronteira que non debe traspasarse. Ou, pola contra, que obedece a unha estratexia inducida polo propio presidente venezolano ao considerar que esa "batalla" e vitimización permanente favorece os seus propósitos electorais na medida en que parte as augas con toda nitidez entre detractores e partidarios e contribúe a mobilizar aos seus aínda máis cargados de razóns.

De regreso da súa xira por Arabia Saudita, Irán, Portugal e Francia, amais dunha breve escala na Habana que comeza a ser habitual, Chávez confesaba ante milleiros de seguidores que Venezuela se perfila como unha potencia mundial que ten por obxectivo salvar a humanidade. Ese ton mesiánico ven tomando corpo dende hai un tempo no seu discurso, tanto no dirixido ao interior do propio país como cara a América Latina, artellando á vez intelixentes e audaces políticas enerxéticas, financeiras ou informativas que explicitan outra forma de construír as relacións entre os estados e os pobos. Agora traspasou as fronteiras rexionais, vertebrando unha alianza con Irán e ambicionando facer outro tanto con China, polo momento moito máis cautelosa e prudente.

Cabe alegrarse de que Venezuela deixe de ser unha "colonia" do imperio norteamericano (ao igual que Bolivia, Ecuador ou Nicaragua), como tamén dos esforzos e políticas que o goberno de Chávez ven implementando nestes anos para acadar unha maior xustiza social. Venezuela precisaba un xiro pronunciado que dignificase ás súas clases sociais máis desfavorecidas e oprimidas, deixando atrás un sistema económico e político que se revelou totalmente incapaz de socializar no mínimo os grandes beneficios derivados da explotación das súas enormes riquezas. Esa vontade sumou e suma, dentro e fóra, moitos entusiasmos e esperanzas despois de anos de seca e mesmo das frustracións xeradas por líderes moderados que, no poder, axiña se volvían inconsecuentes e entreguistas. Pero tamén é certo que esa valentía e coherencia de Chávez sempre avanzou entre reticencias condicionadas, ademais de polas súas orixes castrenses, polos modos e os ritmos, salvedades que agora tamén parecen estar chegando ao seu límite.

Ninguén sabe que pasará o día 2 de decembro. Hai semanas todo indicaba que Chávez obtería outra vitoria sen paliativos, pero a oposición, reforzada por desencantados do rumbo do chavismo e case descartada a invocación ao abstencionismo, viu medrar as súas expectativas, polo que cabe imaxinar unha gran mobilización dos respectivos electorados.

Sexa cal for o resultado, o día 2 marcará esa fronteira. Se Chávez gaña, a radicalización do proceso está garantida, se ben queda por comprobar se tenderá a man aos sectores máis moderados e se estes están en condicións de aceptala. A fulminante equiparación entre discrepancia e traizón deixa poucos espazos para o entendemento, pero Chávez, se é tan intelixente como parece, precisa hoxe sumar aliados e restar inimigos. E se perde, poderiamos estar ante os inicios do fin do experimento, asistindo a un probable incremento potencial da tensión social e política con efectos moi desestabilizadores.

A Chávez parece sobrarlle confianza na vitoria, pero as desercións nas súas filas teñen sido moitas e algunhas de gran significación. O pulo á creación do Partido Socialista Unido Bolivariano, nun proceso que moitos dende a esquerda tildaron de precipitado e mesmo errado polo que evidenciaba de tendencia a acoutar os pluralismos, extremou as reservas por un ritmo que o presidente considera inapelable para consolidar e facer irreversible o actual proceso, pero que outros, non necesariamente inimigos, non son quen de acompañar tan rápida transformación. A súa popularidade pode facilitar o respaldo electoral, pero a perda de base cualitativa pode acabar tendo custes moi importantes. Esta carreira contra reloxo na que parece estar inmerso se só se sustenta no impulso do poder, hoxe con respaldo social, pero desprezando a segmentos importantes que recean das presas, pode acabar pasando factura.

A reelección indefinida pode ser perfectamente democrática, cando menos tanto como a elección presidencial do fillo dun anterior presidente cun sistema de cómputo electoral escasamente transparente e fiable, ou, quizais, mesmo da muller dun anterior presidente. En Estados Unidos son escasas as alarmas por esa endogamia que tende a "familiarizar" os procesos democráticos. Sen dúbida, hoxe, o rumbo político de Venezuela está indisolublemente ligado á figura de Chávez, o cal tampouco é unha situación especialmente desexable pola vulnerabilidade que demostra. El é a alma do proceso bolivariano, e niso reside boa parte do problema. Non obstante, reforzar tanto personalismo poderá non ser a mellor das opcións, aínda que tampouco ten porque ser este é o maior dos problemas.

O proceso de cambio en Venezuela debe partir da propia realidade nacional, tendo en conta pero evitando imitar outras experiencias por moi próximas que estean, tanto xeográfica como ideoloxicamente. A tesitura de Chávez non é fácil pois poderosos son os sectores, internos e externos, aos que se enfronta, acostumados, todo hai que dicilo, a campear ás súas anchas. É a factura que agora pagan. Pero poñer mar por medio en vez de tender pontes e fragmentar o país en bandos irreconciliables pode non ser a mellor base para construír o chamado socialismo do século XXI.