20070502 bruselas paul wolfowitz

Wolfowitz

Paul Wolfowitz, clic para aumentar
O caso de Shaha Riza non é un feito illado senón a expresión máis escandalosa dun problema máis de fondo: nepotismo, falta de transparencia, de coherencia e de respecto aos procedementos, entre outros, son os trazos singulares da xestión iniciada por Paul Wolfowitz (en la foto) en xuño de 2005.
 

A credibilidade do Banco Mundial está en cuestión. O "Shahagate", en alusión a Shaha Ali Riza, funcionaria coa que Paul Wolfowitz, actual director da entidade, mantén unha relación sentimental e a quen promoveu ao Departamento de Estado cun incremento retributivo do 36%, segue a medrar de día en día. As tensións entre o conxunto do persoal da institución, incluídos os altos funcionarios, e o seu director, experimentou novas voltas de rosca nas últimas semanas que poden obrigar a dimitir a quen chegou ao Banco nada menos que para "erradicar a corrupción mundial". As noticias sobre a realización por Riza de traballos incompatibles co seu contrato co Banco Mundial e por encargo do goberno estadounidense enervan os ánimos internos (e externos).

O caso de Shaha Riza non é un feito illado senón a expresión máis escandalosa dun problema máis de fondo: nepotismo, falta de transparencia, de coherencia e de respecto aos procedementos, entre outros, son os trazos singulares da xestión iniciada por Paul Wolfowitz en xuño de 2005. Nunha iniciativa sen precedentes, o pasado 23 de abril, dende as páxinas do Financial Times, un total de 42 antigos altos funcionarios da institución reclamaban a súa dimisión, ao consideraren que o seu mandato afecta á autoridade moral do Banco Mundial e á súa eficacia, en particular no dominio do bo goberno, o que condicionaría a súa misión principal: a loita contra a pobreza no mundo. Entre as medidas máis criticadas destacan o intento de suprimir as axudas á planificación familiar e ás medidas anticonceptivas, a censura imposta a informes relativos ás consecuencias do cambio climático, a retirada da axuda a Uzbequistán por haber expulsado as tropas estadounidenses do seu territorio, a suspensión dos préstamos a países como India ou Kenya co pretexto da corrupción, medidas sempre adoptadas con arrogancia e prescindindo de forma absoluta dos propios expertos do Banco, relegados en favor dos seus amigos (Kevin Kellems, Robin Cleveland, Karl Jackson, Juan José Daboud, Suzanne Rich Folsom, etc), a quen recrutou prescindido de calquera procedemento de selección, con contratos moi ben pagados e con cláusulas que contemplan cuantiosas indemnizacións en caso de ruptura.

Pese a que tantas voces reclaman a súa saída, Wolfowitz, antigo número dous do Pentágono e alentador da guerra contra Iraq, parece disposto a dar a batalla ata o final. Conta co apoio de Bush, a quen lle resta un mandato de ano e medio. Tony Fratto, portavoz de Bush, declarou que, a pesar de todo, ten a "plena confianza" do presidente estadounidense. Se o próximo inquilino da Casa Branca é un demócrata, o máis probable é que a partir de xaneiro de 2009 mudaría a cabeza do Banco Mundial. EEUU controla o 16,4% dos votos do consello executivo e é o principal contribuínte da entidade. Ata entón Wolfowitz pode resistir, aínda a risco de converter esta institución, como fixo en Iraq, noutro desastre que, tamén aquí, acabarán pagando os máis febles (o 20% dos 24 mil millóns de dólares que cada ano xestiona en forma de préstamos e donativos se dirixen á África subsahariana).