Acción externa, medios de comunicación e identidade

Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia ARQUIVO
Idiomas Galego

Na pasada sexta feira, 20 de setembro, tiña a fortuna de poder asistir a un intensamente interesante coloquio organizado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional con motivo do 75 aniversario do recoñecemento do carácter nacional de Galicia pola Sociedade de Nacións en Berna, Suíza, en 1933. Téndose producido o tal recoñecemento mercé da brillante participación do Partido Galeguista e, moi especialmente, do intelectual galeguista, xornalista e tradutor, Plácido Castro, a quen no evento se rendía homenaxe.

No coloquio producíase un reconfortante consenso arredor da importancia que para o noso país envolvería unha acción externa pensada desde os nosos trazos identitarios diferenciais, porque isto tería repercusións positivas en planos como o económico ou o social, ademais de contribuir para reforzar o sentimento identitario galego: o que se refire frecuentemente coa expresión facer país, utilizada en diversas ocasións nos discursos proferidos na cordial tertulia.

Mais tamén se exprimía un razoamento, por volta do que xa non existía consenso, que partilla unha parte significativa da sociedade galega e que quen escribe estas liñas ten ouvido de modo reiterado. En síntese, a tal reflexión podería exporse como segue. Para que unha acción externa galeguista puidese ser levada a efecto, debería existir un maior compromiso co país por parte dos medios de comunicación de Galicia, desde que só dese modo a sociedade galega entendería cales son os seus trazos diferenciais, delimitaría adecuadamente os seus intereses, como colectivo, no exterior e, finalmente, a través dos diversos mecanismos de participación política, obrigaría os poderes políticos a desenvolveren unha acción externa comprometida do punto de vista identitario.

Non existiría ese compromiso mediático, segue o razoamento, na medida en que non existe unha clase burguesa galeguista forte que poida financiar medios de comunicación de masas capaces de competir en difusión cos principais do país. Así, unha política externa, ben como moitas políticas internas, encontran fortes resistencias e incomprensión na sociedade e clase política galegas, resultando isto nunha eiva fundamental, mesmo crítica, para o desenvolvemento dunha política de país, quer no exterior, quer no interior.

Considero que este pensamento é xa antigo en determinados sectores sociais e políticos galegos e, aliás, que quizá conveña revisalo. En primeiro lugar, á par dos medios de comunicación de masas tradicionais veñen desde xa hai anos cobrando importancia extraordinaria os medios virtuais, existindo neste ámbito ben menos dificultades para seren creadas cabeceiras informativas viábeis e con mensaxes alternativas ás predominantes nos medios convencionais. Existen exemplos exitosos neste sentido que toda a xente coñece e que estimo desnecesario referir. No plano virtual aínda se debe notar o aparecemento de fórmulas completamente afastadas dos medios de comunicación habituais e dos seus correlatos inmediatos na internet, como pode ser a divulgación maciza realizada por medio do correo electrónico, que xa se ten demostrado extremamente eficaz de modo reiterado. Doutro lado, penso que se está a magnificar a autonomía decisional dos medios de comunicación de masas na hora de estabeleceren a súa axenda informativa, descargando sobre eles un nivel de responsabilidade que penso que non lles corresponde.

Existen accións que poden ser implementadas desde determinadas elites, en que si existe compromiso galeguista, que necesariamente terán eco mediático e, por tanto, repercusión social. Entre estas elites estimo que se sitúan en posición de privilexio as políticas, nomeadamente as que ocupan nun momento determinado postos de goberno. E a estas elites quixera transmitir que existe un ámbito de acción, ligado directamente coa dimensión temático do coloquio que inspira este artigo, especialmente susceptíbel de encontrar repercusión mediática e, por iso, con extraordinario potencial para chegar á sociedade e construír consciencia identitaria galega. Esta área é a das relacións externas.

Recorrerei, para ilustrar a idea, a un exemplo moi concreto: unha eventual participación das seleccións deportivas galegas nos Xogos da Lusofonía, a celebrar en Lisboa en 2009, impulsionábel desde o Goberno galego. Imaxinemos que o noso país participase nas diversas disciplinas e que mesmo conseguise algún éxito. Cabe pensar que os medios de masas tradicionais acompañarían, con maior ou menor entusiasmo, o evento. Que ideas relacionadas coa construción de consciencia identitaria se transmitirían cunha tal acción? Primeiro, que os países de lingua portuguesa están ligados a nós dalgún modo; que nos son máis próximos que outros. Constituíndo isto un dos trazos diferenciais menos controversos da identidade galega. E segundo, que temos a capacidade de saír ao exterior pola nosa conta e de modo competitivo, o que contribuiría positivamente para o orgullo de nós mesmos.

Remato, en fin, querendo transmitir ás nosas elites políticas que para o avance do noso país convén non ver só para dentro, senón vermos cada vez máis para fóra, especialmente para se facer país dun punto de vista identitario.