20080514 maputo armando guebuza

Decisivas autárquicas en Mozambique


 Armando Guebuza; clic para aumentar
Os dous principais partidos que concentran o maior apoio popular son a FRELIMO (Fronte de Liberación de Mozambique), partido no poder dende a independencia do país en 1975, liderado polo actual presidente Armando Guebuza (na foto); e a RENAMO (Resistencia Nacional Mozambicana), liderada polo seu líder histórico, Afonso Dhlakama, principal partido da oposición dende os comezos da democracia, logo da guerra civil acaecida entre 1975 e 1992.
 

O país africano celebrará dentro de dous meses as súas eleccións municipais. As forzas políticas mozambicanas ultiman a habitual dinámica electoral, lanzándose mutuas acusacións. As acusacións céntranse na demanda de incumprimento dos requisitos electorais por parte de uns e de fraude por parte doutros.

Os dous principais partidos que concentran o maior apoio popular son a FRELIMO (Fronte de Liberación de Mozambique), partido no poder dende a independencia do país en 1975, liderado polo actual presidente Armando Guebuza; e a RENAMO (Resistencia Nacional Mozambicana), liderada polo seu líder histórico, Afonso Dhlakama, principal partido da oposición dende os comezos da democracia, logo da guerra civil acaecida entre 1975 e 1992.

O próximo 19 de novembro levaranse a cabo as terceiras eleccións locais, que ademais preceden ás xerais do ano que ven –as lexislativas e as presidencias están previstas para 2009–. Segundo os resultados anteriores, das 33 autarquías asentadas por todo o territorio, a FRELIMO controla 28 delas, mentres que a RENAMO só controla cinco. Tomando en conta a presión da comunidade internacional cara unha maior descentralización, o cambio principal para as vindeiras autárquicas sería a ampliación do número de autarquías, ata achegar a un total de 43 no marco dun plano de descentralización do poder que reforzaría a capacidade dos órganos locais.

A definición das novas autarquías foi feita con base na Lei 2/97 do pasado 18 de febreiro, que define no seu artigo 5 os criterios de selección dos territorios que poderán ser “autarquizados”. Non obstante, algúns, no exterior, lamentan que este proceso de selección e ampliación non fora realizado dunha forma transparente, a pesar de que dende o Centro de Integridade Pública (CIP) de Mozambique denunciouse a palpable concentración de poder presidencial, en detrimento das demais institucións democráticas (Parlamento e administracións locais). Mentres, noutros medios denúnciase a imposición por parte da cúpula da RENAMO dos candidatos ás autárquicas nos municipios –o que eles mesmos chaman “proceso de osculación”.

No tocante á participación, a metade da poboación rexistrouse no período de inscrición. Se toda esa poboación asiste ás urnas, as eleccións contarán co respaldo social de arredor dun 50%, suficiente para lexitimar o proceso democrático. Por ver queda agora se os electores mozambicanos castigarán ao partido no goberno, responsabilizándono do aumento do prezo do combustíbel nun 14 % , a anunciada suba das taxas do transporte nun 50 %, ou o encarecemento de vida, ao que contribuíu a subida xeral dos prezos dos alimentos derivada da crise alimentaria que afecta ao continente.

A clave destas eleccións autárquicas radica en saber se os seus resultados poden vaticinar o que acontecerá nos seguintes comicios, especialmente de cara ás eleccións lexislativas e presidenciais de 2009. O xornal Canal de Mozambique frecuentemente denuncia os atropelos e intimidacións que a FRELIMO realiza sobre os outros partidos –principalmente a RENAMO–, co obxectivo de premer neles e reafirmar o seu propio liderado.

Mesmo así, estes feitos, que xa foran constatados por observadores electorais presentes nas dúas últimas eleccións locais, non influíron no diagnóstico final da Fundación Carter, liderado polo ex presidente estadounidense, e dos observadores da Unión Europea quen aseguraron que, en termos xerais, as eleccións foron levadas a cabo nun ambiente de paz, liberdade e tranquilidade. No entanto, lamentando tamén que o proceso final de reconto non se realizara dun xeito máis transparente, dada a negativa das autoridades a permitir a presenza dos observadores nos colecios electorais para validar esta última parte do proceso.

O proceso final de actualización do proceso de verificación de datos electorais remataou esta semana nos 43 distritos e cidades. Non obstante, seguen a denunciarse carencias básicas do proceso, nomeadamente derivadas da falta de recursos, feito considerado por moitos como normal se temos en conta que Mozambique, considerado pola UNICEF como un dos máis exitosos exemplos de reconstrución postbélica, é aínda un país subdesenvolvido, en vías tamén de consolidar o seu sistema democrático.