mapa mozambique 02

Mozambique: moito por desenvolver


 Mapa de Mozambique, clic para aumentar
Un aspecto esencial para calibrar o desenvolvemento económico de Mozambique está cifrado na súa localización xeográfica. Situado no África Austral, limítrofe con Zambia no noroeste, Cimbabue no oeste, Sudáfrica ao sur e Tanzania ao norte, Mozambique posúe unha enorme costa cara o Océano Índico que podería favorecer o seu intercambio comercial por vía marítima. (Foto: Mapa de Mozambique).
 

Mozambique, ex colonia portuguesa independente desde 1975, trala caída do réxime ditatorial de Antonio Salazar en Portugal, afronta unha importante conxuntura, especialmente dende a perspectiva económica, toda vez que a súa situación política semella presentar síntomas positivos de transición democrática tras anos de guerra civil.

Un aspecto esencial para calibrar o seu desenvolvemento económico está cifrado na súa localización xeográfica. Situado no África Austral, limítrofe con Zambia no noroeste, Cimbabue no oeste, Sudáfrica ao sur e Tanzania ao norte, Mozambique posúe unha enorme costa cara o Océano Índico que podería favorecer o seu intercambio comercial por vía marítima(1). Non obstante, o país está entre os dez últimos lugares do Índice de Desenvolvemento Humano do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD)(2).

Os motivos desta clasificación son múltiples e, en moitos casos, produto da adopción de determinados tópicos que dificultan a súa identificación. Estes tópicos relaciónanse coa escaseza de infraestruturas adecuadas para propiciar o desenvolvemento económico, por mor da mala conexión en temas de transporte interno e externo que, a súa vez, podería conectar a toda esa poboación(3).

Outros factores teñen que ver coas numerosas cheias (choivas) que afectan á rexión de África do Sur, a última das cales –a provocada polo ciclón Jokwe– deixou moitos máis estragos en Mozambique en comparanza co resto da rexión. Igualmente, resulta patente a crónica desigualdade no reparto das riquezas, dado que unha pequena elite económica e política que ten acceso privilexiado aos recursos económicos que ofrece a globalización vese favorecida deste xeito en detrimento da meirande parte da poboación.

Cabe sinalar tamén algúns dos maiores motivos que agravan a situación de máis da metade da poboación do país que sobrevive baixo o limiar da pobreza extrema. Ademais da pobreza, cómpre ter en conta as secuelas derivadas do problema do SIDA, que afecta ao 16% da poboación total, como factor que dispón enormes barreiras ao desenvolvemento do país africano, diminuíndo continuamente a poboación profesional e traballadora, moitos deles ubicados nos sectores máis pobres da poboación mozambicana.

As axencias e observadores internacionais subliñan tamén a corrupción como variable de peso. Pan de cada día no país, o factor condiciona a toma de decisións da comunidade global para investir na zona ao tempo que condiciona a atracción do capital privado internacional.

De tódolos xeitos, Mozambique é o obxecto dun dos programas máis ambiciosos da zona de apoio ao desenvolvemento por parte dos países occidentais e que, así mesmo, planifícase en conxunto entre todos eles e o país obxecto do apoio. Este programa é denominado Parcería de Apoio Programático (PAP), mediante o cal varios países desenvolvidos e organismos internacionais(4) aportan fondos a Mozambique. Como contrapartida, este debe acadar uns obxectivos específicos, entre eles a reducción da corrupción.

Paralelamente, o bo ritmo do crecemento do PIB –ao redor do 7%– levou aos países da PAP a premiar a Mozambique cun aumento da suma total achegada polo programa en relación ao ano anterior. Xunto co crecemento do PIB, o alto grao de satisfacción dos obxectivos acadados –segundo o avaliador, o propio Mozambique– é outro argumento do citado incremento. A baixa da inflación, que descendeu do 13% no 2006 ao 8% no 2007, foi outro aspecto que tiveron en conta os 19 países da PAP.

Queda por ver se o feito de acadar a meirande parte das metas propostas vai á par do desenvolvemento dos 20 millóns de habitantes que viven en Mozambique. Escéptico e crítico, un coñecido analista social angolano(5), sinalou que moitos dos gobernos dos países africanos dirixen as súas políticas a obter o visto e prace dos países occidentais mentres esquecen a dramática realidade da situación da poboación do seu propio país.


Notas:

(1) Asimesmo o facto de que faga fronteira con eses 6 Estados, á vez de que a enorme illa de Madagascar atópase separada pola canle de Mozambique só por 460 kilómetros nos seus puntos mais angostos, podería favorecer sobremaneira ese intercambio.

(2) En concreto, no posto 172 dun total de 177 países para un índice do 2007.

(3) Por exemplo, para ir á escola, ou para ir ao médico, ou simplemente para acceder a alguns recursos básicos dos que carecen.

(4) Os países e organismos internacionais son 19: Alemaña, Austria, Banco Africano de Desenvolvemento, Banco Mundial, Bélxica, Canadá, a Comisión Europea, Dinamarca, España, Finlandia, Francia, Holanda, Irlanda, Italia, Noruega, Portugal, Suecia, Suíza e o Reino Unido. Como observadores do programa atópanse Estados Unidos, o FMI, Xapón, e o PNUD. Xapón achega ao programa unha suma significativamente superior á dos demais parceiros.

(5) João Milando, do Instituto Superior de Ciencias do Traballo e da Empresa (ISCTE) de Lisboa.