20081105 moscova dmitri medvedev 01

Eslavismo e luxocracia

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego
 Dmitri Medvedev; clic para aumentar
O mesmo día en que foi eleito presidente dos Estados Unidos de América Barack Obama, o presidente de Rusia, Medvedev (na foto), no seu discurso sobre a situación do Estado, anunciaba a instalación de misís balísticos Iskander de corto alcance en Kaliningrad, a vella Könisberg de Inmanuel Kant, agora enclave ruso entre a Rusia matriz e Lituania e Polonia, membros da UE e a OTAN.
 

O mesmo día en que foi eleito presidente dos Estados Unidos de América Barack Obama, o presidente de Rusia, Medvedev, no seu discurso sobre a situación do Estado, anunciaba a instalación de misís balísticos Iskander de corto alcance en Kaliningrad, a vella Könisberg de Inmanuel Kant, agora enclave ruso entre a Rusia matriz e Lituania e Polonia, membros da UE e a OTAN.

O movimento estaba pensado, de seguro, dentro dunha estratexia que só esperaba o resultado das eleccións estadounidenses para poñerse en marcha. Se tivera sido outro o resultado, tal vez se tería acudido a un camiño máis torto, pero tal como foi, Moscovo entendeu que se abría unha alternativa óptima e agardada. Dise que o discurso de Medvedev, programado para finais de outubro, foi adiado precisamente para o día dos resultados desas eleccións. Fálase de que o cuidadoso autor da estratexia e a táctica foi un conselleiro moi escoitado por Putin e visto como eminencia gris cada vez máis influínte, Vladislav Surkov.

Non esquece Rusia que o propósito fundacional da OTAN ía dirixido contra a súa predecesora, a Unión Soviética. Por máis que se teña falado da transformación desa alianza en procura de novos obxectivos, vaise abrindo camiño a evidencia de que non era somente o medo ao sistema comunista e súa ameaza ao capitalismo ou ás formas de vida luxócratas de Occidente o que inspiraba a alianza militar atlántica, senon a persistente contrapartida do peso xeopolítico de Rusia.

A esmorga dos tempos de Ieltsin deu un descanso ás cavilacións dos temerosos da expansión eslava. Os imperios morren ás veces do cancro da corrupción metropolitana e nin sempre pode salvalos o feixe de pretorianos que no seu día invocara Spengler. Fai falta un maior apoio popular, unha vaga máis arrasante de descontento social. Inténtase en Occidente facer que esa vaga sexa vista como nostalxia de vellos e vellas que foran beneficiarios da seguridade social soviética. Na mesma arrancada de desvío interpretativo, identífícase a Putin e aos dirixentes que o arrodean como o equivalente dos pretorianos de último recurso, lembrando as súas orixes nos servicios secretos.

Do que se trata, na interpretación xornalística maioritaria en Occidente, é de velar a natureza xeopolítica máis fonda do réxime de Moscovo.

O nervosismo occidental ten razóns para aumentar. As tentativas ben claras de encaixonamento da potencia rusa e de consolidación da fragmentación da vella Unión Soviética nun cinto de estados pro-occidentais, por vía de incorporación na Unión Europea, tiña que provocar reaccións defensivas de Rusia. A resposta estadounidense inscribiuse ata agora no marco xeral dunha política neoconservadora desprestixiada. O Washington dos demócratas e de Obama verase empurrado a tomar medidas de forza e de preparación de forza moi semellantes ás que viña tomando o dos anteriores dirixentes. Ese imperativo xeopolítico terá que ser negociado dalgún xeito cunha cosmética de multilateralismo. Alemania terá unha voz moi importante neses arranxos, e Alemania é o país que millor entende a necesidade dunha política que rebaixe o ton de confrontación con Rusia. Ademáis dos precedentes históricos, Moscovo conta hoxe cun lobby na política alemana, que se pode personificar no ex Chanceler Schröder e que ten múltiples raigañas e ramificacións.

A lúa de mel de Obama coa Unión Europea forma parte do futuro de rica esperanza e pobre programa da transición de poder nos Estados Unidos. Durará o que tarde o novo Presidente en ter que recurrir a medidas militares que non só repugnen ao delicado pacifismo europeo sinón que ademáis requiran colaboración na OTAN e risco de vidas. As olladas están fixas, con razón, no Iraq e no Afganistán. Pero aí trátase de terreo tam complicado como coñecido, con moita visibilidade nos medios e ata unha linguaxe que permite moitos malabarismos. Si Robert Gates continúa no Pentágono, como din algúns que ocurrirá, o xogo será aínda máis propicio á borraxeira. Entre tanto, Rusia disfrutará do desvío da atención, e na próxima provocación calculada que faga, ou tal vez xa nesta de Kaliningrado, os Estados Unidos terán que pensar dúas veces antes de responder e non lles vai ser doado actuar con todo o multilateralismo que quererían.