20080129londres barroso sarkozy brown merkel prodi

O remate dun ciclo

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Barroso, Sarkozy, Brown, Merkel e Prodi; clic para aumentar
Todos os líderes que foron a esa reunión teñen problemas políticos moi graves nos seus países, e non só Romano Prodi, a quen xa lle estalaron nas mans. Ánxela Merkel, vai confrontar o eleitorado en 2008 e recibeu resultados pouco animadores nas eleccións federais destes meses. Sarkozy ten asegurado un largo período de presidencia, pero iso pode querer decir, sen máis, que terá máis tempo para mudar de rumo. E Gordon Brown pode ter que deixar o poder en calquer momento. (Na foto, de esquerda a dereita, José Manuel Barroso, Nicolás Sarkozy, Gordon Brown, Ánxela Merkel e Romano Prodi, en Londres o 29 de xaneiro de 2008).
 

A crise bancaria e financeira que se espalla sin remisión polo mundo enteiro xenera na opinión inqueda, como sempre nestes casos, intentos de calma e de cubrir con abundancia de datos a falta de vontade de recoñecer fendas moi perigosas nos alicerces do sistema.

Nos finais de xaneiro reuníronse en Londres, convidados ao número 10 de Downing Street por Gordon Brown, os dirixentes dos outros tres países que, cada vez máis, conforman un Directorio nesta nova encarnación do decimonónico Concerto de Europa, aínda que un deles represente un goberno falido, o de Italia. O mensaxe que comunicaron ao final da xuntanza foi, precisamente, ese de tranquilizar en xeral, como se fai cando non se sabe qué receta formular, porque todas elas revelarían cál é a doenza de fondo. Máis transparencia dos mercados financeiros, novos mecanismos para prever e evitar as crises bancarias; iso é todo o que aconsellan os grandes, pero lendo entre liñas podese ver que xa non confían no sistema que a política deles e dos seus predecesores criou.

Todos os líderes que foron a esa reunión teñen problemas políticos moi graves nos seus países, e non só Romano Prodi, a quen xa lle estalaron nas mans. Ánxela Merkel, vai confrontar o eleitorado en 2008 e recibeu resultados pouco animadores nas eleccións federais destes meses. Sarkozy ten asegurado un largo período de presidencia, pero iso pode querer decir, sen máis, que terá máis tempo para mudar de rumo. E Gordon Brown pode ter que deixar o poder en calquer momento.

O que ocurre con Brown é moi interesante como revelador da natureza do problema. Non se trata únicamente do fracaso do proxecto do Novo Laborismo, xa máis que previsíbel nos tempos de Tony Blair, senón do recoñecimento de que ese proxecto era fillo e herdeiro do de Margaret Thatcher. Todos eles deron por suposto no decenio de 1980 que o neoliberalismo e o individualismo desatado eran imparabeis. Esa revelación indiscutibel levou a un dogma resumido na frase de Thatcher ao decir da sociedade que "non hai tal cousa". Ao botar polo río abaixo a sociedade, foi con ela a política e até o estado. A economía ultraliberal foi omnipotente e autónoma como nunca.

Os números cantan: a desigualdade de ingresos é maior que nunca no Reino Unido, onde cada día parece máis aceptabel o racionamento da seguridade médica nacional. As falencias multiplícanse, e así sucesivamente. O Instituto de Estudos Fiscais acaba de advertir de que fará falta un aumento de impostos en cuantía de 8.000 millóns de libras para manter o ritmo de crecimento prometido por Brown, e será necesario tomar prestados 40.000 millóns máis en cada un dos tres anos próximos.

Os eleitores británicos non deixarán sin castigo a quen tome ou propoña tomar as medidas que a economía demanda. A política acabará por gañar. E iso que, mutatis mutandis, aplícase a todos os reunidos en Downing Street, quere decir que as consecuencias sociais do neoliberalismo van sendo cada vez máis inaceptabeis para os votantes. A clase media e a clase media ficticia que criaron as promesas neoliberais de "capitalismo popular", estanse impacientando.

Non abonda con tranquilizantes. Sin unha ética social, que quer decir tamén unha ética política e de estado, non pude durar o sistema implantado con tanto bombo hai vintetantos anos. Ao sair de Downing Street, alguén debería decirlles aos líderes, "non é a economía, estúpidos". Pero seguro que xa o saben.