20071209 cerimonia fundacion banco do sur 01

Unha alternativa á globalización

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Cerimonia de fundación do Banco do Sur en Bos Aires; clic para aumentar
Na rebelde Sudamérica hai anos que están fartos. Moitos países están a rachar cos terríbeis xemelgos cancelando as débedas e a integración rexional impulsada por Chávez materialízase con proxectos como Petrosur, Gasoducto do Sur, ALBA, Telesur e o Banco do Sur, que estes días comezou a súa andaina. Arxentina, Bolivia, Brasil, Ecuador, Paraguai, Uruguai e Venezuela participan de entrada. (Foto: Cerimonia de fundación do Banco do Sur, o 9 de decembro de 2007 en Bos Aires. De esquerda a dereita, Rafael Correa, Evo Morales, Néstor Kirchner, Cristina Fernández, Luiz Inacio Lula da Silva, Nicanor Duarte Frutos e Hugo Chávez).
 

O altermundismo identifica como responsábeis da globalización, esa que fixo medrar as desigualdades até o insoportábel para o sur global, a varios actores públicos e privados. Entre os primeiros están a OMC (Organización Mundial do Comercio), o BM (Banco Mundial) e outros bancos interrexionais, o FMI (Fondo Monetario Internacional), o G8, etc. Os segundos son as transnacionais e galaxias financeiras "compañías de seguros, fondos de pensións, etc. Os primeiros executan o que esixen os segundos. O FMI e o BM xogan no eido financeiro e a OMC nos mercados, constituíndo os principais aparellos de dominación mundial.

A FMI e BM chámalles Susan George os terríbeis xemelgos. O FMI creouse para facer préstamos a países que non controlaban as súas balanzas de pagamentos e o BM para axudar a Europa logo da II Guerra Mundial mediante créditos, malia que despois seguíu a emprestar cartos aos países en desenvolvemento (PED). Non son institucións democráticas. Quen máis cartos achega ten máis poder ""un dólar, un voto", con variantes no FMI", de xeito que os PED pouco poden facer. Estas dúas xoias son, por exemplo, as responsábeis da débeda externa deses PED. Os cartos emprestados devólvense inmediatamente vía explotación de recursos, dereitos de importación, privatización de servizos, merca de armas, etc. Pura usura.

Na rebelde Sudamérica hai anos que están fartos. Moitos países están a rachar cos terríbeis xemelgos cancelando as débedas e a integración rexional impulsada por Chávez materialízase con proxectos como Petrosur, Gasoducto do Sur, ALBA, Telesur e o Banco do Sur, que estes días comezou a súa andaina. Arxentina, Bolivia, Brasil, Ecuador, Paraguai, Uruguai e Venezuela participan de entrada. Colombia xoga a pedir a entrada e rexeitala despois. Chile observa. A acta fundacional do banco di que, independentemente das achegas de cadaquén, cada país terá un voto. A solidariedade, a protección ambiental e os dereitos dos pobos primarán sobre o financeiro.

Uns 250 mil millóns de dólares dos bancos centrais latinoamericanos están depositados, co pretexto da seguridade, fóra da rexión. Agora poderán volver. É unha alternativa modesta "7.000 millóns de dólares de capital inicial", pero ben real. Un berro de independencia que, se cadra, anuncia tamén o fin da globalización.