20081124 caracas hugo chavez

Cambiante radiografía política en Venezuela

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Hugo Chávez; clic para aumentar
Para Chávez, a construción do modelo socialista pasará pola posibilidade de que o PSUV amplíe a súa base de participación social e electoral, a fin de non depender excesivamente do carisma e enerxía persoal do presidente Chávez, tal e como aconteceu durante a campaña electoral.
 

Unha primeira ollada dos comicios municipais de Venezuela celebrados o pasado domingo 23 dá conta da fortaleza nacional do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), formación política do presidente Hugo Chávez creada en 2007. Nas eleccións de 2004, aínda sen crearse o PSUV, o chavismo obtivo 20 das 22 gobernacións. Nesta ocasión, o PSUV alzou a vitoria en 17 das 22 gobernacións.

Non obstante, os comicios de 2008 amosaron unha perspectiva diferente para a oposición de Chávez. A concreción a nivel nacional dunha incipiente plataforma unitaria de partidos opositores, nutridos tamén dunha ala disidente do chavismo contraria a formar parte do PSUV, permitiu á oposición obter un significativo triunfo nas cinco gobernacións máis importantes en termos de poboación e fortaleza económica, como son os casos de Zulia, Miranda e Carabobo.

A isto debe engadirse o estratéxico triunfo opositor na Alcaldía Maior de Caracas, así como en tres dos catro municipios do Distrito Capital, o cal muda radicalmente o mapa político caraqueño.

A constatación dunha elevada participación electoral en comicios municipais en Venezuela, superando o 65%, dá conta igualmente do carácter decisivo do momento electoral vivido polo país, así como do elevado grao de compromiso democrático cidadán.

Con este novo mapa, Venezuela ingresa (unha vez máis) noutro nivel do seu incerto escenario político. Chávez afondará a consolidación da súa revolución "socialista e bolivariana" no fortalecemento nacional do PSUV como principal motor político, varrendo así a movementos disidentes do chavismo como o partido Patria Para Todos (PPT), que controlaba catro gobernacións e que agora pasaron a mans do PSUV. Increpados polo propio Chávez ao consideralos "traidores ao proceso revolucionario", o PPT preséntase como o gran derrotado do proceso electoral.

Á espera da conformación dunha posible plataforma opositora unitaria, o PSUV anúnciase como o actor hexemónico do escenario político venezolano. Para Chávez, a construción do modelo socialista pasará pola posibilidade de que o PSUV amplíe a súa base de participación social e electoral, a fin de non depender excesivamente do carisma e enerxía persoal do presidente Chávez, tal e como aconteceu durante a campaña electoral.

Por contra, para a oposición ábrense novas e determinadas perspectivas, especialmente enfocadas en dous escenarios electorais concretos e un aínda por manifestarse. Estes escenarios concretos son as eleccións lexislativas de 2010 para renovar a Asemblea Nacional e as próximas municipais e presidenciais de 2012. Pola súa banda, o escenario electoral aínda por concretarse está enfocado na posibilidade (aínda incerta) de celebración dun referendo popular para a reelección indefinida de Chávez.

En termos cuantitativos, a vitoria opositora foi mais ben modesta, non así en termos políticos e estratéxicos, debido a que controlar os tres grandes estados venezolanos así como a súa capital pode significar un impulso político de considerable magnitude para as aspiracións opositoras. O peso xeopolítico de estados como Zulia, Miranda e Carabobo calibrará o pulso entre Chávez e a oposición, especialmente ante nas relacións entre o goberno central e os estados.

Esta plataforma unitaria opositora, que se presentaba como tal por vez primeira nestas eleccións, semella aceitada en torno ao fortalecemento de partidos como Un Nuevo Tiempo (UNT), PODEMOS (disidente do chavismo), e Primero Justicia. Deberá así calibrarse o seu verdadeiro grao de unidade, en especial co respecto a futuras candidaturas políticas e electorais, así como a súa capacidade para gobernar.

Todo indica que Venezuela aprestase a presenciar un novo capítulo do pulso que manteñen desde fai unha década Chávez e a oposición. Salvo triúnfe no hipotético referendo de reelección indefinida, o presidente venezolano sabe que, constitucionalmente, só pode gobernar ata o 2012. Este escenario será, con total certeza, o principal e mais agudo pulso político a curto prazo na polarizada Venezuela.