cabo verde vista de praia

Cabo Verde: illas de emigrantes


 Vista da cidade de Praia, Cabo Verde; clic para aumentar
O acordo UE-Cabo Verde implica tamén a creación en Praia, capital caboverdiana, dun centro común que tramitará as solicitudes de visados de curta duración; promoverá a mellora do réxime de circulación de persoas e migración legal; e fortalecerá as capacidades necesarias en Cabo Verde para xestionar a migración. (Foto: Vista da cidade de Praia, capital de Cabo Verde).
 

A condición do arquipélago caboverdiano de “illas trampolín” fai que moitos emigrantes africanos opten por facer o seu salto a Europa a través destas illas. É por iso que, dende a perspectiva europea, o control das fronteiras próximas a Cabo Verde resulta esencial para exercer un maior control das migracións ilegais.

Neste contexto, habida conta da importancia estratéxica do arquipélago, a Unión Europea e Cabo Verde asinaron o Acordo Piloto relativo á liberdade de mobilidade de cidadáns caboverdianos e europeos. Cabo Verde é o primeiro país da Unión Africana co que a UE asina este tipo de acordo que, no propio contexto europeo, tamén foi ampliado a Moldavia.

En virtude dos resultados positivos de Cabo Verde nos indicadores internacionais de dereitos humanos e calidade democrática, este acordo conta co apoio de varios países comunitarios, coordinados dende Lisboa, coa participación de España, Francia e Luxemburgo.

Tomando en consideración que Cabo Verde converteuse no primeiro país africano en adherirse por negociación directa á Organización Mundial do Comercio, como membro nº 153, e que o arquipélago posúe unha notable estabilidade socioeconómica, aumenta a credibilidade internacional con respecto ás súas capacidades comerciais.

A entrada na OMC e o marco de cooperación coa UE obrigará tamén a modernizar certos ámbitos e sectores do país. Ademais de tentar xestionar da mellor maneira posible os fluxos migratorios cara a UE para evitar a inmigración ilegal, este acordo regula tamén as estancias curtas de cidadáns caboverdianos en Europa e a readmisión das persoas que cruzaran a fronteira. Intentaríase así maximizar os beneficios da migración para o desenvolvemento, así como fomentar oportunidades de emprego tanto en Cabo Verde coma no estranxeiro.

A flexibilización da mobilidade entre Cabo Verde e a UE proporcionaría ao arquipélago unha maior man de obra cualificada, especialmente de caboverdianos que residen no estranxeiro, que tamén terían a posibilidade de retornar ao seu país. O intercambio de man de obra implica que os traballadores caboverdianos terán acceso directo ás bolsas de emprego dos países comprometidos nesta experiencia, á vez que os profesionais franceses, portugueses, españois e luxemburgueses poden traballar en calquera das illas.


Un acordo con claroscuros

Para a UE, o acordo supón a provisión de man de obra barata. No caso de Cabo Verde, un 67% do seu persoal cualificado traballa no estranxeiro. Segundo datos do Banco Mundial, para o total de África, esta estatística é dun 30%.

Despois de abandonar o seu país, esta man de obra debe afrontar un período de descualificación, pois pasan de ser traballadores cualificados nos seus países de orixe a ser non cualificados no país de destino, movéndose no subemprego, no traballo ilegal e na economía informal.

O acordo UE-Cabo Verde implica tamén a creación en Praia, capital caboverdiana, dun centro común que tramitará as solicitudes de visados de curta duración; promoverá a mellora do réxime de circulación de persoas e migración legal; e fortalecerá as capacidades necesarias en Cabo Verde para xestionar a migración. O centro estaría deseñado para aplicar medidas de información, integración e protección dos emigrantes e repatriados.

O que a UE pretende con este acordo é controlar as migracións ilegais africanas, aínda que, por outro lado, asume como inevitable dar entrada a un continxente determinado de persoas co obxectivo de manter o seu ritmo económico. Sen embargo, contrariamente ao que todo o mundo pensa en Europa, son os Estados africanos os que acollen ao 75% dos 16 millóns de emigrantes deste continente. Côte d`Ivôire, en África Occidental, e Sudáfrica na África Austral, son os principais puntos de concentración.

Por outra banda, a UE colabora con Cabo Verde no control das súas augas exteriores. A FRONTEX (Axencia europea para a xestión da cooperación operativa nas fronteiras exteriores) aprobou un novo sistema de vixilancia militar, tanto naval coma aérea, para custodiar non só as costas caboverdianas senón tamén as canarias, marroquís, mauritanas e senegalesas.


As remesas dos emigrantes

Cabo Verde non só é lugar de paso para os emigrantes que veñen da África subsahariana, senón que o mesmo país é punto de partida para moitos caboverdianos que se dirixen a Europa e América. Por outra banda, cómpre non esquecer que dentro do propio arquipélago existe unha migración que vai das illas máis pobres cara as máis desenvolvidas en busca de traballo, sobre todo relacionado co turismo.

Paralelamente, as illas contan, de feito, cun maior número de naturais na diáspora que dentro do propio país, de aí que as remesas sexan unha fonte de ingresos importante.

As remesas dos emigrantes constitúen unha característica estrutural importante da súa economía. Son importantes porque se trata dunha fonte de financiamento estable e previsible, e contribúe ao desenvolvemento do país ao se destinaren a gastos básicos (alimentación, vivenda, servizos básicos) que animan as pequenas economías e conforman unha rede de seguridade alternativa.

Son as remesas, en boa medida, as que axudan a reducir os índices de pobreza existentes en Cabo Verde.