20080620 bruselas gordon brown e brian cowen

O non irlandés

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Gordon Brown e Brian Cowen; clic para aumentar
A xente decátase de que os seus políticos teñen pouco ou nada que ver cos fundadores e os iniciadores do europeísmo. A sociedade europea segue crendo en Europa, pero é lóxico que non poida crer nos seus políticos. E castígaos cando cadra ou cando pode. Pero castígaos. (Foto: O primeiro ministro britántico, Gordon Brown (esquerda), e o primeiro ministro irlandés, Brian Cowen, reunidos en Bruselas o 20 de xuño de 2008).
 

O non irlandés, como o de Francia e o de Holanda, demostra varias cousas que cómpre ter moi en conta e que, ao meu ver, son comúns, non só a eses tres países, senón a todos os demais que integran a UE. Pode haber pequenas variacións dun a outro, pero na súa esencia penso que non as hai.

A xente, en xeral, está cansa de que Europa, por moitas razóns nas que agora non podemos entrar, vaia afastándose cada vez máis do que eran as súas mellores achegas ao noso tempo: o desenvolvemento social, o noso pluralismo esencial, a apertura ao outro, a paz, a liberdade, ou sexa, a democracia.

Valores esenciais que a sociedade ve esmorecer cada día, aínda no mesmo berce de todos eles, como é a Gran Bretaña. E a entrega sen condicións á actual política exterior e militar dos EEUU, a máis torpe de calquera tempo e por iso a máis afastada que se pode imaxinar daqueles valores.

A xente decátase de que os seus políticos teñen pouco ou nada que ver cos fundadores e os iniciadores do europeísmo. A sociedade europea segue crendo en Europa, pero é lóxico que non poida crer nos seus políticos. E castígaos cando cadra ou cando pode. Pero castígaos.

Haberá alguén que poña en dúbida que a crise actual de Europa está xusto nos seus políticos, na súa incapacidade para liderar o ideal europeo, na súa cegueira para decatarse do que son os nosos valores e no seu manso servilismo á política imperial? O difícil está en cambiar aos políticos. Pero é posible?