A cidadanía da eurorrexión

 Mapa da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; clic para aumentar
A vertebración dos vimbios desa cidadanía eurorrexional podería axudar a recuperar o peso perdido nos últimos anos na interlocución de Galicia con España a propósito de Portugal e, sobre todo, a imaxinar sen complexos unha forma de evitar que toda a potencialidade desa relación quede reducida a unha mera cuestión de orde mercantil ou institucional. (Foto: Mapa da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal).
 

Co inestimable apoio dos fondos comunitarios, nas últimas décadas deuse un forte impulso ás dinámicas eurorrexionais tanto no eido económico-empresarial, como no das infraestruturas, no institucional, etc. Hoxe, Galicia e o norte de Portugal contan cunha tupida rede de fluxos e institucións que se sustentan nese impulso, aínda que, en función da materia, os ritmos podan ser diferentes. Non obstante, quizais aqueixada pola ausencia de perspectivas, a asimetría con respecto ás dinámicas propiamente cidadás evidencia que fenómenos esenciais dese proceso non acaban de callar. A construción dunha cidadanía da eurorrexión, en boa media facilitada polas identidades culturais, históricas e do conxunto de tendencias afirmadas nestes anos, segue, en gran medida, ausente, co agravante de que, en previsión da merma dos fondos europeos, esta debería erixirse na base esencial dun novo impulso (xunto á proxección exterior conxunta), se ambicionamos algún futuro proveitoso e a máis para a eurorrexión.

Sen embargo, a fronteira neste eido permanece. Falemos das Universidades, dos medios de comunicación, da cultura…, pese aos avances, que tamén os hai, as potencialidades a penas están exploradas e percíbese unha clara falta de impregnación, de calado, que proporcione esa mirada complementaria capaz de afirmar civicamente a multitude de proxectos e estruturas. Existen dificultades para arrastrar aos tecidos sociais respectivos porque seguimos co hábito de ver máis preto calquera cidade española ca unha portuguesa, aínda estando á mesma distancia, o que nos priva de activos importantes para fomentar a comunicación e o aprecio común desas actividades que conforman a cidadanía, entendida non soamente como exercicio dun catálogo de dereitos, senón como un xeito de afirmar e desenvolver aquelo que se comparte.

A vertebración dos vimbios desa cidadanía eurorrexional podería axudar a recuperar o peso perdido nos últimos anos na interlocución de Galicia con España a propósito de Portugal e, sobre todo, a imaxinar sen complexos unha forma de evitar que toda a potencialidade desa relación quede reducida a unha mera cuestión de orde mercantil ou institucional, unha mestura de liturxia laica e negocio que vai en menoscabo daqueles outros factores que proporcionan esa enerxía vital que nace dos sentimentos compartidos e das experiencias vividas en común, pero tamén das expectativas de adaptación activa a unha realidade europea e internacional que brinda oportunidades a todos aqueles que saben tirar proveito das sinerxías.