A medio camiño

 Os Obxectivos de Desenvolvemento das Nacións Unidas para o Milenio; clic para aumentar
En setembro de 2000, os dirixentes mundiais aprobaron o famoso documento dos Obxectivos do Milenio, no que se prometía solemnemente que en quince anos se cumprirían oito obxectivos concretos, como erradicar a pobreza extrema e a fame, lograr o ensino primario universal, garantir a sostibilidade do medio ambiente, etc. Ademais, recoñecíase por primeira vez que o desenvolvemento está estreitamente relacionado coa paz e a seguridade. (Foto: Os 8 Obxectivos de Desenvolvemento das Nacións Unidas para o Milenio).
 

Estamos a medio camiño do prazo que se impuxo en 2000 a comunidade internacional para 2015, ano en que deberan cumprirse os Obxectivos de Desenvolvemento das Nacións Unidas para o Milenio. Daquela, por exemplo, a pobreza e a fame deberan reducirse á metade respecto de 1990, entre outras metas. Pero a xulgar polo debate celebrado na ONU días atrás, o mundo non semella disposto a corrixir o rumbo.

En setembro de 2000, os dirixentes mundiais aprobaron o famoso documento dos Obxectivos do Milenio, no que se prometía solemnemente que en quince anos se cumprirían oito obxectivos concretos, como erradicar a pobreza extrema e a fame, lograr o ensino primario universal, garantir a sostibilidade do medio ambiente, etc. Ademais, recoñecíase por primeira vez que o desenvolvemento está estreitamente relacionado coa paz e a seguridade, e que a cooperación multilateral contribuiría a fomentar conxuntamente o desenvolvemento como misión central de todos os países. Fermosas palabras, coma sempre, pero ata hoxe, cando xa transcorreron máis da metade dos quince anos fixados para a realización das metas, seguimos a unha gran distancia da súa consecución. Por outra banda, o cambio climático, a suba dos prezos dos alimentos e a desaceleración da economía mundial impoñen outra axenda de desafíos para o mundo.

O fracaso está á volta da esquina. Ban Ki-moon, secretario xeral da ONU, decidiu organizar unha reunión de alto nivel durante a Asemblea Xeral a celebrar en setembro de 2008, co propósito de revitalizar a realización destes obxectivos. A semana pasada expuxéronse algunhas ideas, pero é de temer que en setembro, de novo, se avance pouco no concreto, en especial en relación ao desenvolvemento africano, o problema máis grave. Para afrontalo, en setembro de 2007, Ban Ki-moon estableceu un grupo directivo centrado en África, co propósito de estimular a todos os membros da ONU para que axuden a este continente no cumprimento destas metas. Este grupo propuxo unha "Revolución Verde" co fin de acelerar o crecemento económico e erradicar a fame, utilizando os alimentos producidos no propio continente para ofrecer comidas nas escolas garantindo así o aporte nutritivo básico aos nenos. Ademais, claro, de investir en infraestruturas para elevar a capacidade de produción e integrar canto antes a economía africana coa mundial.

O discurso sigue sendo coerente, pero as actitudes son outra leria. Haberá algún día un punto de inflexión?