20081116 leon enfrontamentos fsln plc 04

A Nicaragua de Ortega

 Partidarios do FSLN; clic para aumentar
Segundo fontes oficiais, a formación de Ortega gañou en 103 de 146 municipalidades en disputa, acaparando tamén 12 capitais departamentais dun total de 17. O enfrontamento político coa oposición céntrase en Managua e León, onde as denuncias de fraude, acreditadas coa aparición de milleiros de papeletas nun vertedoiro municipal, e a calada resposta das autoridades electorais alentaron os incidentes. [Foto: Partidarios da gobernante Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) en enfrontamentos con membros do Partido Liberal Constitucionalista (PLC) nas rúas de León o 16 de novembro de 2008].
 

Daniel Ortega encarou as eleccións municipais celebradas en Nicaragua o pasado 9 de novembro coma se dun plebiscito se tratase. Non se trataba de avaliar as políticas locais senón que estaba en xogo a acción de goberno desenvolvida dende o pasado ano e a lexitimación de toda unha estratexia política coa mirada posta en 2011, cando se celebren novamente as presidenciais, seguindo un percorrido semellante ao de Chávez en Venezuela, con programas sociais, organización dunha base cívica de apoio (a través dos Comités de Poder Cidadán) e a derrota política desa dobre oposición que cuestiona o seu liderado, a de dereitas, nucleada arredor do Partido Liberal e máis numerosa, e a de esquerdas, integrada por aqueles que se reclaman do auténtico sandinismo e renegan da satrapía do seu antigo líder.

Segundo fontes oficiais, a formación de Ortega gañou en 103 de 146 municipalidades en disputa, acaparando tamén 12 capitais departamentais dun total de 17. O enfrontamento político coa oposición céntrase en Managua e León, onde as denuncias de fraude, acreditadas coa aparición de milleiros de papeletas nun vertedoiro municipal, e a calada resposta das autoridades electorais alentaron os incidentes. O ex-presidente Alemán, condenado a 20 anos de prisión por corrupción e lavado de diñeiro que cumpre na propia casa por mor do pacto subscrito con Ortega, cualificou a situación de asalto á institucionalidade, mentres simpatizantes duns e doutros intentaban resolver as diferenzas a pedradas, con resultado de varios feridos e mortos. A intervención da Conferencia Episcopal e outros axentes sociais reclamando, en sintonía coa oposición, o cotexo das actas, abriu un compás de espera de resultado, polo momento, incerto.

Nicaragua vive a peor crise política dos últimos vinte anos, afirmase a coro. A presenza de observadores nacionais ou estranxeiros, rexeitada polo goberno de Ortega, achegaría mais garantías de transparencia, valor seica menos importante ca o da "inxerencia". Ortega malvive instalado no eterno dilema entre medios e fins, pero unha vez mais acaba outorgando a primacía aos segundos. E sobre esa base resulta difícil construír un proxecto autenticamente emancipador por mais que a cousa se disfrace cun discurso progresista que a maioría dos vellos sandinistas descualifican sen contemplacións apelando mesmo ao voto na dereita como medida desesperada e sendo por iso obxecto dunha persecución inaceptable que contrasta co cárcere de veludo de Alemán. Non hai poder, hai abuso de poder e nada máis, dixera Montherlant.