20080110 ramallah george bush e mahmud abbas

Bush en Terra Santa

 George W. Bush e Mahmoud Abbas en Ramallah; clic para aumentar
A visita de Bush a Palestina e Israel, a primeira dende a asunción do cargo presidencial, tiña como principal obxectivo impulsar as negociacións de paz de Oriente Medio, estancadas dende decembro último. Non obstante, como cabía esperar, unha calculada e tendenciosa ambigüidade presidiu toda a visita. (Foto: George W. Bush e Mahmoud Abbas en Ramallah o 10 de xaneiro de 2008).
 

A visita de Bush a Palestina e Israel, a primeira dende a asunción do cargo presidencial, tiña como principal obxectivo impulsar as negociacións de paz de Oriente Medio, estancadas dende decembro último. Non obstante, como cabía esperar, unha calculada e tendenciosa ambigüidade presidiu toda a visita. Se ben Bush chegou a implicarse por primeira vez na disputa territorial, aludindo a que Tel Aviv debía poñer fin á ocupación iniciada en 1967, coidouse de non especificar que territorios árabes ocupados deberían ser devoltos. Tamén suxeriu a creación de "novos mecanismos internacionais" para resolver o delicado problema dos refuxiados palestinos, pero sen entrar en maiores precisións. Outro tanto cabe dicir das alusións ás indemnizacións. Pola contra, si foi moi explícito ao se referir á necesidade de que os países árabes se aproximen a Israel con maior entusiasmo ou á xustificación dos asentamentos en Cisxordania en razón das necesidades defensivas de Israel, a sabendas de que esta situación enerva á sociedade palestina.

Deixando de lado os matices, o problema central radica no establecemento dun Estado palestino. E para acadar un acordo de paz que permita a futura coexistencia dos Estados palestino e israelí, ambas partes, e non unha soa, deben facer concesións políticas de certo calado, garantindo ás dúas comunidades fronteiras recoñecidas e seguras, nun marco que preserve a integridade territorial e a soberanía respectivas. Pese aos discursos e xestos diplomáticos, nada fai pensar que o litixio avance con paso firme e claro nesa dirección.

O presidente estadounidense quere apuntarse algún éxito antes de xaneiro de 2009, cando remate o seu mandato, co anhelo de mellorar o seu penoso historial en materia de política exterior. Pero visitas e declaracións aparte, os temas máis controvertidos das negociacións palestino-israelís seguen pendentes, co que cabe abrigar lexítimas dúbidas a propósito destes lamentablemente cínicos esforzos por deixar un legado político menos marcado pola traxedia e o engano. Así as cousas, evitando encarar os temas máis espiñentos, non cabe agardar grandes cambios na situación actual deste contencioso, que presenta un futuro tan incerto como antes da reunión de Annapolis e desta mediática visita.