20080222 pristina hashim thaci

Cosova

 Hashim Thaci; clic para aumentar
Na práctica, o Cosova dos enclaves serbios, hoxe militantes da desobediencia civil, vai camiño de mirar máis cara a Belgrado que cara a Pristina, como aconteceu xa nos últimos anos, a non ser que se forze o seu éxodo ante a imposibilidade de construir o "país para todos" de que fala o primeiro ministro Hashim Thaci (na foto).
 

Finalmente, Pristina proclamou, estando no seu dereito, a chamada independencia unilateral. Haberá que seguir nos próximos meses o impacto desa decisión no propio país, en Serbia e no conxunto dos Balcáns, e mesmo os efectos da súa onda expansiva en Eurasia, especialmente se proseguen os disturbios protagonizados pola minoría serbia nalgunhas zonas e se as tensións con Rusia non aminoran.

De entrada, o que cabe significar é que a soberanía cosovar vai ser limitada por bastante tempo. En primeiro lugar, polas súas propias carencias, económicas e institucionais, que se derivan do propio feito de ser unha independencia "asistida" que implica tamén o exercicio dunha soberanía limitada. As dificultades serán grandes para afrontar a difícil situación económica, o elevado desemprego, os tráficos ilegais, a corrupción. O desencanto é a nota determinante dunha sociedade que nos últimos comicios deulle as costas aos partidos e o proceso electoral (a participación foi só dun 45%). En xuño debe reunirse unha conferencia de países donantes para prorratear a axuda e a misión Eulex que suplantará á de Nacións Unidas poderá intervir directamente en moitos asuntos internos. Por un tempo, deixará de ser un protectorado da ONU para se converter nun protectorado da UE. Ilusiona pouco.

Despois, cómpre estar atentos á evolución da división étnica, especialmente na rexión de Mitrovica, onde os dirixentes locais serbios rexeitaron contundentemente a secesión. Na práctica, o Cosova dos enclaves serbios, hoxe militantes da desobediencia civil, vai camiño de mirar máis cara a Belgrado que cara a Pristina, como aconteceu xa nos últimos anos, a non ser que se forze o seu éxodo ante a imposibilidade de construir o "país para todos" de que fala o primeiro ministro Hashim Thaci. As comunidades serbias continuarán vencelladas a Belgrado e xa anunciaron que só pola forza poderán impoñerse as autoridades cosovares. Digase o que se diga, a partición existe xa, aínda que non se recoñeza oficialmente por ningunha das partes.

Por último, o impacto en Serbia. O enfrontamento entre Tadic e Nikolic das pasadas eleccións presidenciais, un poñendo o acento na integración europea e outro na xustiza social, ten en Cosova un motivo de permanente reedición que favorece política e electoralmente ao segundo. Quizais non se perciba aínda nas eleccións locais de maio, pero o proxecto de Tadic, de pular pola integración na UE, vaise ver paralizado durante varios anos, na medida en que é a propia UE quen está a facer de parturenta da criatura cosovar. A inestabilidade serbia é unha polvoreira que reaccionará á mínima expresión de conflito que se produza entre a minoría serbia en Cosova e a policía de Pristina.

Había outra opción? Ningunha das partes e os seus respectivos padriños semellou disposta a emprender un camiño diferente que puidese conciliar tanto o exercicio do dereito de autodeterminación por parte da maioría albanesa como a soberanía territorial e as raíces culturais reivindicadas por Belgrado. Unha canella sen saída que requería moita imaxinación para idear estruturas novas que superasen o horizonte do Estado-nación, unha tradición europea á que aínda non podemos sustraernos para tentar resolver vellos contenciosos.