20080827 paris nicolas sarkozy

Europa na crise caucásica

 Nicolás Sarkozy; clic para aumentar
Agora, o mesmo Sarkozy (na foto), na conferencia anual de embaixadores celebrada en París, sinalou que a UE ten a vontade de construír unha relación "cercana e positiva" con Rusia, asegurando que ninguén desexa regresar ao tempo da guerra fría, mentres entre a Casa Branca e o Kremlin multiplícanse as acusacións.
 

A mediación do presidente Sarkozy para propiciar o cese das hostilidades en Xeorxia e a aparente inhibición inicial estadounidense levou a concluír unha certa recuperación da diplomacia europea, papel negado por Moscova a Washington, quen estaría ás portas case do declinio definitivo na recta final do mandato do presidente Bush. Agora, o mesmo Sarkozy, na conferencia anual de embaixadores celebrada en París, sinalou que a UE ten a vontade de construír unha relación "cercana e positiva" con Rusia, asegurando que ninguén desexa regresar ao tempo da guerra fría, mentres entre a Casa Branca e o Kremlin multiplícanse as acusacións. Non obstante, con independencia das lecturas internas en clave electoral estadounidense, as medidas adoptadas por Washington revelan aínda moitas capacidades de intervención inéditas que lle auguran un papel determinante nesta e noutras crises. Mentres, pasado o deslumbrón, a diplomacia comunitaria volve exhibir de novo, progresivamente, o seu comportamento habitual de panos quentes e escasa eficiencia, non por falla de medios, senón debilitada pola ausencia de políticas claras e consensuadas.

A posibilidade de construír esa relación "cercana", reivindicada por Sarkozy e transcendental para o futuro do continente, non soamente está no tellado de Rusia, como asegurou o presidente galo, senón tamén da UE. Para asegurar que non haxa pasos atrás, sería esencial ultrapasar a dinámica deste conflito e construír unha relación baseada na cooperación e non na confrontación, esta última unha tentación á que ambas partes se inclinan con demasiada frecuencia para defender posicións que non toman en consideración todos os intereses en disputa, a única forma de garantir un certo equilibrio que permita excluír o recurso ao uso da forza.

As incoherencias dos uns e dos outros sumadas ás divisións, condenas, ameazas e xestos desafiantes dos últimos días engaden máis tensión e potencial explosivo, e seguirá in crescendo en tanto a folla de ruta deste contencioso non incorpore perspectivas e solucións políticas ás negociacións globais sobre os aspectos relacionados coa seguridade e a estabilidade, a enerxía, etc, do continente e máis alá. Reducilo a un mero episodio de loita polas influencias pode resultar un xogo efémero e de escaso futuro, especialmente en zonas, como xa aconteceu en Asia central, onde a febleza dos sistemas políticos e a puxanza dos intereses externos acaba sendo pan para hoxe e fame para mañá.