Nacionalidades europeas

 Galicia na Sociedade de Nacións; clic para aumentar
Daquela, os galeguistas, representados por Plácido Castro, alentaron a presenza neste foro, recoñecido pola Sociedade de Nacións, co obxecto de impulsar o recoñecemento internacional da identidade galega, cousa que aquel IX Congreso revalidou a pesar das tensións dun tempo pródigo en conflitos que xa ventaban os enfrontamentos da II Guerra Mundial. (Foto: "Galicia na Sociedade de Nacións", panel nº 5 da Exposición Fotobiográfica de Plácido Castro publicada polo Igadi en 2003).
 

Esta semana cúmprense 75 anos da participación de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna en 1933. Daquela, os galeguistas, representados por Plácido Castro, alentaron a presenza neste foro, recoñecido pola Sociedade de Nacións, co obxecto de impulsar o recoñecemento internacional da identidade galega, cousa que aquel IX Congreso revalidou a pesar das tensións dun tempo pródigo en conflitos que xa ventaban os enfrontamentos da II Guerra Mundial. Ese empeño, en moitos sentidos clarividente, non só evidencia a vocación aberta daquel galeguismo de comezos do século pasado, explicitado na consideración de Galicia como "célula de universalidade", pois da conta tamén da súa visión de futuro, sabedores de que os avances na afirmación da nosa identidade dependían tanto da dignificación e toma de conciencia social interna como do noso recoñecemento externo, sen valados insalvables entre un desafío e outro.

Pero o esquecemento caeu como unha lousa sobre este feito e sobre o seu principal protagonista, circunstancia dobremente lamentable pola transcendencia en si do acontecemento como igualmente pola singularidade da figura que personificou aquel evento, Plácido Castro, con méritos sobrados, como tradutor, xornalista e político, para destacar entre as figuras máis sobresaíntes da época, cousa que tristemente non pasa. Aqueles galeguistas, cultos e por iso mesmo tan presumidos de país como defensores dunha inserción exterior orientada a potenciar un diálogo enriquecedor con Portugal, o mundo celta ou outras nacionalidades europeas, soñaban cunha orde mundial pcífica e sen fronteiras e, aínda hoxe, son vangarda en moitos dominios do pensamento político e intelectual.

Esta é outra dimensión desa memoria histórica que andamos a recuperar e o mesmo sentido da xustiza que a anima debería inspirarnos para honrar feitos e persoalidades aínda medio ocultos ata para os máis informados e que deberían figurar nesa cronoloxía básica que serve para reivindicar e construír a definición elemental de nós mesmos.