20081206 santiago de cuba vendedor froita

O reto cubano

 Vendedor de froita; clic para aumentar
O rumbo que precisa Cuba ten que ver coa dinamización da súa economía e a mellora do benestar da súa poboación, pero resulta complexo de facer sen abrir escenarios flexibles que dean cabida a outras concepcións das relacións sociais e políticas. [Foto: Vendedor de froita polas rúas de Santiago de Cuba].
 

As oportunidades aprovéitanse ou estráganse. Non hai término medio. E iso, en suma, ven a ser o que pasa con Cuba agora mesmo. Cumpridos os cincuenta anos da Revolución, a conxunción da delicada situación interna e o novo tempo que semella abrirse en Washington permiten albiscar esperanzas dun cambio de rumbo. A pesar do seu estancamento e mil e un reveses de todo tipo, o liderado cubano resiste con aparente solidez os contratempos. Agora mesmo, o apoio de Venezuela, o impulso á integración rexional que lle permite contar coa solidariedade de moitos gobernos progresistas de América Latina, o entendemento con China e o rexurdir da alianza con Rusia suxiren unha certa folgura que, non obstante, de pouco val para superar os males crónicos do sistema, que, ninguén se engane, son o seu principal problema. O rumbo que precisa Cuba ten que ver coa dinamización da súa economía e a mellora do benestar da súa poboación, pero resulta complexo de facer sen abrir escenarios flexibles que dean cabida a outras concepcións das relacións sociais e políticas.

Obama falou de abrir unha nova etapa no dossier cubano. Hai cautela á vista da evolución experimentada polo seu discurso, dende a celebrada ruptura primeira a unha calculada moderación posterior, a medida que medraban as posibilidades de triunfo. Hillary Clinton na Secretaría de Estado non é un valor seguro para alentar este xiro, como si o podería ser Bill Richardson, por quen apostaban as primeiras quinielas. Dado o seu simbolismo, unha mudanza na política cubana de Washington serviría de expresión do cambio como poucas outras decisións. EEUU ten pouco que perder con iso e a xulgar pola opinión de moitos opositores ao actual liderado cubano, tería moito que gañar. Finiquitar o embargo e normalizar as relacións coa illa caribeña pode acabar co réxime cubano, dise, pero non ten porque ser así, pois ten raíces máis sólidas, mesmo entre o plural abano de voces críticas, do que puidera parecer. O que si parece claro é que de non evolucionar ten os seus días contados. Esa convicción é a que xustifica aínda na mente de algúns a pervivencia do embargo, premisa a reconsiderar en función das transformacións rexionais e globais que está a experimentar o sistema internacional.

Pero é tempo de arriscar, de mover peza, de atreverse a explorar novos camiños. O estancamento, a un e outro lado, é o maior inimigo. As reformas anunciadas por Raúl camiñan moi lentamente, como se estiveran á espera da confirmación ou non dunha reorientación que afectaría de modo transcendental ao seu proxecto. As mensaxes a prol do diálogo directo enviadas desde La Habana son claras. No exilio de Miami tamén mudan as percepcións e cada vez son máis os que apostan por outra política, conscientes da canella sen saída da situación actual. Cómpre unha "diplomacia do béisbol" que emulando o exemplo chinés do ping-pong, sitúe o tren da historia noutro carril, cedendo o protagonismo ás respectivas sociedades para que sexan elas mesmas, a fin de contas, as que decidan a dirección a tomar.