20081218 brasilia raul castro lula da silva

Tempo cubano

 Raúl Castro e Lula da Silva; clic para aumentar
Agricultura, consumo, transporte público, foron asomando como os rubros estrela da reforma impulsada por Raúl, orientada a mellorar a calidade de vida dos cubanos e garantir certa adhesión e confianza para o impulso que pretendía liderar lavándolle a cara ao tempo. Pero logo chegaron os furacáns e os seus danos mudaron as prioridades e tendencias. Agora todo semella quedar á espera de Obama, confiando na mediación latinoamericana liderada por Lula. [Foto: Raúl Castro e Lula da Silva en Brasilia o 18 de decembro de 2008].
 

Sempre que un viaxa a Cuba ten a sensación de que o tempo na illa está varado e resulta dificil explicar como con ese ritmo caribeño foi posible levar adiante toda unha revolución. Pero despois de cincuenta anos, cando o tempo non pasa, acaba por pasar factura. Ao asumir a presidencia de forma oficial en febreiro último, logo de exercer interinamente durante 19 meses, Raúl Castro anunciou medidas para mellorar a vida da poboación e a eliminación de algunhas das "excesivas prohibicións e regulamentacións". Despois chegou a autorización para mercar teléfonos móviles, para aloxarse nos hoteis ou alugar autos reservados en exclusiva para turistas. Houbo liberalización tamén para a venda minorista en divisas de electrodomésticos varios e decretou o aumento nun 20 por cento das pensións dos cubanos, medidas populares que se complementaron coa entrega en usufruto de terras ociosas, unha iniciativa indispensable para dinamizar a economía tendo en conta que arredor do 40 por cento da terra, segundo fontes oficiais, está mal explotada. Agricultura, consumo, transporte público, foron asomando como os rubros estrela da reforma impulsada por Raúl, orientada a mellorar a calidade de vida dos cubanos e garantir certa adhesión e confianza para o impulso que pretendía liderar lavándolle a cara ao tempo. Pero logo chegaron os furacáns e os seus danos mudaron as prioridades e tendencias. Agora todo semella quedar á espera de Obama, confiando na mediación latinoamericana liderada por Lula.

Cuba e EEUU teñen ante si unha oportunidade histórica. Cincuenta anos despois do triunfo da Revolución, a ambos cómprelles abrir outro tempo que proporcione aos cubanos mellores condicións de existencia material, pero tamén oportunidades de conciliación que propicien unha maior apertura do sistema político. Con bloqueo dificilmente será posible avanzar de forma substancial e pacífica, pero, dende dentro, con só economía tampouco poderase chegar moi lonxe.