20070830 la habana carlos lage

Vésperas cubanas

 Carlos Lage, clic para aumentar
O cambio parece inevitable e está en marcha. Carlos Lage (na foto), que conta con importantes apoios no Buró Político, parece aglutinar as maiores expectativas e a súa elección pode ser a clave do novo tempo político que se está abrindo en Cuba no que tamén poderían diferenciarse os liderados do Estado e do PCC. Raúl, cunha credibilidade interna reforzada, garante apoios que van moito máis alá do estamento militar.
 

Está a culminar en Cuba o proceso electoral que dará lugar á conformación dunha nova Asemblea Nacional do Poder Popular que terá a responsabilidade primeira de elixir ao novo presidente da República. Despois da recente misiva de Fidel, parece chegado o momento de abrir camiño a novos líderes nas máis altas instancias do Estado. En paralelo, cabe imaxinar un adiantamento da convocatoria do congreso do Partido Comunista de Cuba (PCC) para acompañar ese proceso, que non só sería de persoas, senón tamén innovador nas políticas a aplicar. Así pois, os próximos meses serán decisivos na illa caribeña para identificar os signos e as persoas do novo tempo político.

O debate asembleario dos últimos meses, moi distinto en substancia ao levado a cabo en anteriores ocasións, caracterizouse por unha intensa reivindicación do pragmatismo, sen que iso supoña necesariamente un desarme ideolóxico. As dificultades da economía cubana, hoxe aliviadas polo apoio venezolano, deben ser encaradas con outra perspectiva que asegure un mellor funcionamento da estrutura produtiva. Raúl, menos idealista ca Fidel, aposta por impulsar transformacións reais que melloren as condicións de vida da sociedade cubana, pois só deste xeito cabe imaxinar a subsistencia do réxime a medio prazo. Sen mellora na alimentación, nos servizos públicos, nas infraestruturas básicas, etc, sen atopar fórmulas que permitan saír do estancamento e que esperten a esperanza na poboación, poderían aflorar tensións graves.

A mestura de realismo e vontade política, o apoio de Venezuela e quizais unha alternancia demócrata en Washington poderían crear condicións especialmente idóneas para relanzar a economía cubana, atopar vías de entendemento co exilio e alentar un xiro nas relacións con EEUU.

Nos últimos meses, arredor de Raúl foise conformando un equipo que aposta polo cambio. A larga enfermidade de Fidel brindou a oportunidade tamén de que ese reacomodo se produza sen crises graves, se ben a súa presenza sigue a ser importante e en máis dun sentido fixa límites ás innovacións, condicionados pola súa propia visión do proceso revolucionario. Vencer as resistencias de Fidel a unha renovación que podería cuestionar algúns fundamentos da súa política é a maior dificultade a salvar.

O cambio parece inevitable e está en marcha. Carlos Lage, que conta con importantes apoios no Buró Político, parece aglutinar as maiores expectativas e a súa elección pode ser a clave do novo tempo político que se está abrindo en Cuba no que tamén poderían diferenciarse os liderados do Estado e do PCC. Raúl, cunha credibilidade interna reforzada, garante apoios que van moito máis alá do estamento militar.