Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
A crise de Honduras
Antonio Martínez Puñal (Xornal de Galicia, 02/07/2009)

Versión para imprimir

 

Banana republic. ¡E nisto chegou Zelaya! Honduras, e por extensión a comunidade internacional, están vivindo unha situación política crítica particular. Naquel país, historicamente baixo unha forte influencia política da United Fruit Company, os nacionais-conservadores e os liberais, con algúns períodos militares polo medio, viñéronse sucedendo na presidencia da república desde o século XIX.

No 2006, chega democraticamente ao poder Manuel Zelaya Rosales (Partido Liberal). Durante o seu mandato incorpora a Honduras á Alternativa Bolivariana para as Américas, á vez que, paulatinamente, vaise alineando co polo progresista nacente na América Latina. Nas eleccións de novembro próximo Zelaya pretendía que se fixese así mesmo unha consulta non vinculante, ao obxecto de poder cambiar a constitución por medio dunha Asemblea Constituínte.

Golpe militar. ¿Estamos ante unha nova edición da Guerra do Fútbol? A comunidade internacional fronte ao golpe. O domingo 28 de xuño, Zelaya foi derrocado polos militares sen inhabilitación constitucional nin garantía xurídica algunha. O Congreso nomeou como sucesor interino ao Presidente do Congreso, Roberto Micheletti.

Na crise de Honduras apréciase como a comunidade internacional, con perfís certamente novidosos, reacciona contra o derrocamento dun presidente constitucional. O choque está anunciado para mañá, sábado, co intento de volta de Zelaya a Honduras, acompañado por varios persoeiros internacionais, en principio os presidentes da Arxentina e do Ecuador, Cristina Fernández e Rafael Correa, ademais de D’Escotto (Presidente da Asamblea Xeral da ONU) e de Insulza (Secretario Xeral da OEA); pero saibamos algo máis sobre os xogadores en escena.

No bando interno dos golpistas, están o Congreso, dous partidos de dereitas (Liberal e Nacional-conservador), a Corte Suprema e o Exército; pero no eido contrario non está O Salvador como na Guerra do Fútbol de 1969 senón que, con Zelaya, están, a nivel local, os sindicatos, os campesiños, unha gran cantidade de movementos sociais e o minoritario partido de esquerdas Unificación Democrática. Agora ben, o groso da súa forza radica no respaldo que a nivel externo logrou concitando a reacción –esperemos que cause precedente– da comunidade internacional: de inmediato o ALBA e de seguido, entre outros, España, Francia, Estados Unidos, o SICA, o Grupo de Río, a OEA e a ONU demandando o regreso inmediato incondicional do gobernante ou, no caso contraio, o illamento de Honduras a nivel internacional.

Un resultado incerto aínda que probábel: a reasunción de poderes por Zelaya. O resultado do encontro, se chega a ser permitido o aterraxe do avión de regreso, é incerto. O máis prudente sería, con todo, que Zelaya reasumira as súas funcións; iso viría favorecido porque a consulta popular revelase, a estas alturas da partida, como practicamente imposíbel no marco do conflito institucional existente, por outra, porque o Presidente Zelaya declarou que non se presentaría nas eleccións de novembro. Algún tipo de saída á crise, con entendementos máis ou menos tácitos, debería de impoñerse…

 
 

Antonio Martínez Puñal,
é membro do Consello Asesor do IGADI

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/08/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta