A folga de fame da saharauí Aminatu Haidar

O Parlamento galego expresou hoxe, por acordo unánime dos seus tres grupos parlamentarios, o seu firme apoio á causa saharauí, demandando asimesmo o respecto aos dereitos humanos nos territorios ocupados, así como a liberación de todos os presos políticos e a restitución de todos os dereitos da activista Aminatu Haidar. Aínda que tarde e arrastras, mellor vale tarde que nunca unha toma de posición sobre o particular. Con todo, penso que unha espera aos dez días da folga de fame de Haidar para un pronunciamento institucional é demasiado tempo. Ao meu modo de ver, levo días dándolle voltas a que, polo menos a nivel de forza política o BNG tiña que pronunciarse antes. Se non o fixo, non me cabe a menor dúbida que non foi por estar á espera da resolución aprobada hoxe, despois dos pronunciamentos do Goberno canario e do Parlamento navarro. A súa falla de reflexos neste asunto como noutros a nivel internacional entendo que son, en boa medida, un síntoma das limitacións do BNG no eido orgánico-internacional. A súa despreocupación neste nivel é notoria máis aló das retóricas tomas de posición a nivel interno, con motivo das súas asembleas nacionais, nos seus documentos de traballo e relatorios aprobados. Salvados os esporádicos posicionamentos sobre cuestións internacionais, máis ben de índole europeo cando os hai, a falla de mensaxe e de proxección do Bloque, en canto ás súas propostas internacionais, na sociedade galega resulta manifesta. Para mostra un último botón. Magnífica ocasión perdida neste senso, polo demais, a habida este fin de semana pasado para pronunciarse sobre o tema saharauí, con motivo da Asemblea constitutiva de Máis BNG. Por outra banda, se o tradicional esquencemento, coa excepción illada de Izquierda Unida, da manifestación activa da súa solidariedade e apoio ao dereito de autodeterminación do pobo saharauí resulta vergoñoso nas outras forzas políticas no caso do BNG, un partido nacionalista (obsérvese que digo partido e non fronte porque xuridicamente no Rexistro de Partidos Políticos o BNG fai máis de quince anos que xa é un partido político) unha posición máis activa sobre o particular amósase aínda máis inexplicábel. Inclusive en plena campaña para as eleccións europeas o seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez, logo de varios mitins facendo alusión aos dereitos do pobo palestino, ¡por fin!, alumeado non se sabe por quen, acordouse na segunda semana de campaña de pasar a citar ao pobo saharauí. O silencio do BNG durante dez días resulta aínda máis incomprensíbel se cabe cando a principios de outubro pasado a deputada Teresa Táboas asistiu, en Nova York, como convidada á sesión do Comité de Descolonización das Nacións Unidas na que foi tratado o asunto da autodeterminación do Sáhara.

Con carraxe, e en certo modo inxustamente, expreso todo isto contra quen en Galiza, neste caso o BNG é o único que merece un reproche neste tema. Os outros, PP e PSOE, a pesar da declaración institucional de hoxe non me merecen confianza neste tema, se atendemos á súa actitude habitualmente insolidaria e desmemoriada, nos planos galego e español, a respecto do Sáhara. A nivel de España produce, asimesmo, un noxo especial, no caso da activista en folga de fame, a indignante actitude leguleyo-reglamentista de “entresilbeiras” de Moratinos que tanto se presta para un roto como para un descosido. O coñecemento do contexto internacional no que nos movemos resulta inexcusabel para Galiza en todos os seus sensos. A súa ignorancia pode levarnos a resultados para nada queridos. Vaia como mostra outro botón: no seu día o proxecto de Estatuto de Nación presentado na pasada lexislatura polo BNG, por falla de familiaridade coa evolución habida a nivel de doutrina constitucional neste ámbito, resultaba, ao meu xeito de ver, paradoxicamente regresivo en materia internacional, incluso en relación co desenvolvido na práctica a partires do actual Estatuto de Autonomía vixente, sen ser esa realmente a intención do Bloque. Para nós estes “desencontros” do BNG no plano internacional non son máis que un reflexo da súa despreocupación orgánica en materia de asuntos internacionais, da cal son unha expoñente as súas carencias organizativas neste eido, desbotado como está dun aparello que, así fose a nivel cando menos Comisións do Consello Nacional, ocupásese de dar contido a unha Secretaría de Relacións Internacionais, que se revela como insuficiente en recursos persoais e materiais e, moito me temo, que leiga na materia. Lamentabelmente, para o “persoal” deste país chamado Galiza os temas internacionais despertan un escaso interese, feito este que nos parece suicida nun cadro como o da actual crise internacional. Como se explicaría senón que, en relación co que vimos comentando, nas Comisións de traballo aprobadas recentemente polo Consello Nacional do Bloque non haxa ningunha que se cualifique como internacional ou, ao menos, como europea. O BNG, en coherencia coa honrosa tradición universalista do galeguismo histórico, como ben dixo Xulio Ríos, debería liderar na Galiza as políticas de inserción internacional do país; pero para elo son precisas outras miras máis amplas… l