Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
O protagonismo internacional de Venezuela. A creación do 'sucre'
Antonio Martínez Puñal (Xornal de Galicia, 27/08/2009)

Versión para imprimir

 

Debilitamento do dólar e búsqueda de novas referencias. O SUCRE
A actual crise económica internacional amósase como un expoñente do fracaso do liberalismo na súa versión máis acentuada, expresado, entre outros, no debilitamento do dólar no seu papel como divisa de referencia. Neste marco, China, Rusia, Brasil, Venezuela e outros países plantexan en instancias internacionais a creación dunha nova moeda de referencia internacional máis estabel.

A unha escala menor, os países da Alternativa Bolivariana das Américas (ALBA), aprobaron recentemente a creación de unha unidade de conta de referencia, o "sucre", contemplado no Acordo Marco para a creación de un Sistema Único de Compensación Rexional de Pagos (SUCRE), con un futuro sen dúbida incerto ao dia de hoxe, máxime se temos en conta que non se producíu ainda a sua incorporación aos ordenamentos xurídicos dos Estados Membros.

Protagonismo internacional de Venezuela
Polo que respeita ao SUCRE, cecais conveña deixar constancia aquí de que durante os últimos tempos a economía da Venezuela incide notabelmente na sua política exterior, eido internacional no que vai adquirindo, baixo a presidencia de Chávez, un protagonismo crecente –calificado farisaicamente por algúns como intervencionismo-- tanto dentro da rexión latinamericana como fóra dela. Así, neste último eido, asistimos, entre outros, á aceptación da sua proposta de efectuar unha Conferencia sobre a crise financeira e económica mundial e os sus efectos sobre o desenvolvemento, celebrada en Nova York --con un discriminatorio escaso eco nos medios-- do 24 ao 30 de xuño pasado, representando unha oportunidade de posicionar un discurso alternativo ao acordado polo G20. Xa dentro da rexión non deixará de apreciarse a mau deste país detrás de diversas iniciativas desenvolvidas. Así, Unasur, Alba, Banco Sur, Tele Sur, etc.

Venezuela, descenso do petróleo e creación do Sucre
Neste contexto inscríbese o interés de Venezuela na creación do SUCRE. Agora ben, como é lóxico, existen tamén afáns inmediatos para elo que dalgún xeito inflúen no asunto. Venezuela atópase con un problema de planificación e operatividade en canto á entrega de divisas para o comercio, convertíndose o seu principal elemento financieiro, a descendida renda petroleira, nunha fonte de importación masiva, a cal demanda unha aportación excesiva das reservas de divisas. Certas dificultades para honrar as autorizacións de divisas emitidas pola Comisión de Administración de Divisas póñena nalgún momento nunha situación delicada diante de algúns dos seus socios comerciais, xerándose así un crecemento do mercado paralelo ilegal de divisas. Ante o rechazo a unha devaluación do bolivar, a Venezuela interésalle, tamén por razóns prácticas, estimular a sua creatividade financeira e monetaria con actuacións concretas como a do SUCRE.

Perspectivas incertas…
Dotado dun complexo organigrama que velará polo seu funcionamento (Consello Monetario Rexional, Unidade de Conta Común -“sucre”, preámbulo posibel dunha futura moeda física-, Cámara Central de Compensación e Fondo de Reservas e Converxencia Comercial), o sistema SUCRE.estaría baseado sobre todo en tres peares: un banco de desenvolvemento rexional (Banco Sur), xa creado antes, o fondo de reservas e a coordenación monetaria. O SUCRE, dende unha visión doce como o seu nome, pode ser visto, se houber vontade política para sacalo adiante, como un instrumento vocacional para o logro dunha relativa independencia rexional fronte á dictadura dos mercados financieros.

 
 

Antonio Martínez Puñal,
é membro do Consello Asesor do IGADI

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/08/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta