Obama: o referendo 2009?

A pesar de só parecer relevantes cada catro anos, anualmente celébranse eleccións en EEUU o primeiro martes de novembro. As “menos importantes” – segundo a participación do electorado – son as dun off year, como o presente 2009. Non houbo grandes campañas, nin batallas como as de 2006 ou 2008. En gran parte, as eleccións dun ano como este son municipais ou estatais.

Nas eleccións do ano que vén, en cambio, as do mid-term de Obama (a metade do seu mandato), xogaranse moitos escanos en ambas as cámaras do Congreso, e será un verdadeiro referendo sobre a actual presidencia. O curioso é que o partido opositor prefire que os medios consideren as recentemente celebradas como referendo tamén. Na miña opinión, non é unha actitude sabia.

As únicas eleccións de interese nacional tiveron lugar nos estados de Nova Jersey, Virxinia e Nova York. Nos primeiros dous casos, os republicanos lograron retirar  o posto do executivo estatal das mans dun demócrata. Moitos conservadores véno como un gran triunfo do conservadorismo contra a imparable onda esquerdista de Obama. Pero, en realidade, esta actitude nega os mesmos principios do partido republicano.

Segundo a súa ideoloxía, a gobernanza ao nivel estatal é máis importante, relevante e eficaz para a cidadanía. Pero non hai dúbida de que os republicanos a nivel de goberno están frustrados principalmente pola impotencia do seu partido no Congreso e ante a imaxe dun presidente aínda moi popular segundo a opinión pública. Esta frustración lévalles a moitos militantes e membros do partido conservador a perder o seu enfoque e ao partido mesmo a enfeblecer a frecuente unidade que, normalmente, manifesta a dereita en moitos países democráticos.

Virxinia, a pesar da súa proximidade á cosmopolita Washington D.C, aínda é un estado sureño. Obama gañouno en 2008, o que foi unha das sorpresas das eleccións do ano pasado. Pero desde hai moitas décadas, Virxinia sempre votou ao representante do partido opositor ao ocupante da Casa Branca nas súas eleccións off year. Que gañara un republicano unhas eleccións asi non implica moito (o anterior gobernador demócrata non se presentaba este ano), pero como Obama fíxo moita campaña polo candidato demócrata, nun estado cuxa política vese tan vinculada a Washington, os republicanos considérano unha verdadeira vitoria.

En Nova Jersey, en cambio, perdeu un gobernador demócrata en procura da reelección. E como é un estado da zona Medio Atlántico, que xunto a Nova Inglaterra, tende a ser territorio firmemente demócrata, tamén se ve desde a sede do partido republicano como outro gran rexeitamento a Obama. Pero a esta visión conxuntural tamén lle falta moita perspectiva. O titular, John Corzine, non era popular, segundo as enquisas, desde hai moito tempo. De feito, o ano pasado Obama gañoulle a McCain neste estado por un 17 por cento. Segundo a cadea MSNBC, Obama non foi un factor a ter en conta para a maioría que votou o pasado martes.

Pero é xunto ao resultado das eleccións para o representante do vixésimo-terceiro distrito de Nova York o factor que debe asustar aos republicanos e dar confort aos demócratas. Este distrito celebrou eleccións especiais para a súa representación na cámara baixa posto que o seu anterior representante, o republicano John M. McHugh, retirouse para ser Secretario do Exército de EEUU baixo o nomeamento de Obama. Este distrito, na fronteira estadounidense con Canadá, é sorprendentemente conservador. Pero nas eleccións desta semana, a candidata republicana só recibiu o 5,5% dos sufraxios. As grandes voces do movemento conservador, como Sarah Palin, romperon co seu partido e apostaron polo candidato do denominado Partido Conservador, que gañou o 45,2% dos votos, o que permitiu a vitoria ao demócrata Bill Owens, co 49,3%.

Sen dúbida, o máis interesante das recentemente celebradas eleccións é que as fisuras xa existentes entre o partido republicano estanse estendendo á vista de todo o electorado, nun país cun voto “independente” que tende a decidir as eleccións máis importantes.

É verdade que o “efecto Obama”, que atraeu a moitos novos votantes o ano pasado, o que axudou ao partido demócrata a gañar varios moitos escanos non esperados no Senado, xa se extingue. Pero un partido republicano que sofre unha crise de identidade, endurece aínda máis a súa ideoloxía conservadora, se non mellora xa a economía nacional e se non se resolve a política sanitaria segundo quere Obama, pode ser maná do ceo para o presidente e o seu partido en 2010.