20090407 lima alberto fijimori

Fujimori

 Alberto Fujimori escoita a sentenza que o condena a 25 anos; clic para aumentar
A histórica sentenza de 25 anos de prisión para o ex presidente Alberto Fujimori (foto), acusado de crimes de lesa humanidade por sendas matanzas realizadas entre 1990 e 1991, pecha momentaneamente unha escura etapa da historia contemporánea peruana.
 

A histórica sentenza de 25 anos de prisión para o ex presidente Alberto Fujimori, acusado de crimes de lesa humanidade por sendas matanzas realizadas entre 1990 e 1991, pecha momentaneamente unha escura etapa da historia contemporánea peruana.

Fujimori converterase así no primeiro presidente latinoamericano elixido democraticamente en ser xulgado por crimes contra os dereitos humanos, colocando á xustiza peruana como un referente de carácter global.

A imprescritibilidade dos crimes contra os dereitos humanos non distingue sobre a condición política dos acusados, sexan ditadores ou presidentes democraticamente electos, un aspecto que cobra actualmente importancia ante a próxima conformación do Tribunal Penal Internacional, así como pola permanente actualidade dos xuízos sobre crimes na ex Iugoslavia, Ruanda, Timor Oriental e Sudán.

Non obstante, non debe afastarse o impacto deste xuízo dentro da dinámica política peruana, especialmente de cara ás próximas eleccións presidenciais a celebrarse en 2011. Keiko Fujimori, filla do ex presidente, oficializou a súa candidatura presidencial como abandeirada do "fujimorismo" mentes as recentes enquisas outórganlle un liderado aproximado do 20%.

Con isto, cabe a posibilidade de especular sobre cal será a implicación política e electoral que terá a sentenza xudicial de cara ao "fujimorismo" e os próximos comicios presidenciais, aínda que resulta unha incógnita se a candidatura de Keiko Fujimori se reforzará ou debilitará con esta sentenza xudicial. Polo pronto, a súa instigación á mobilización popular para rexeitar a decisión xudicial non tivo resoante eco político e social.

O prudente afastamento do actual presidente Alan García cara o xuízo de Fujimori revela, igualmente, diversas sinais, probablemente enfocadas na necesidade de amosar a transparencia da xustiza peruana e pechar feridas do pasado. Non se debe esquecer que o APRA de Alan García apoiou a candidatura de Fujimori en 1990, aínda que despois rompera con el.

Luce igualmente complexa situación peruana actual, tomando en conta o retorno á escena do antigo gran inimigo de Fujimori, a guerrilla maoísta de Sendeiro Luminoso, do fortalecemento dos carteis da droga e das secuelas que terá a crise económica na vida cotiá dos peruanos. Se ben o pantasma de Fujimori dificilmente se afastará da política peruana, a súa senteza permitirá a Perú ingresar noutra fase da súa atribulada andaina política.