20090125 el alto referendo nacional constituinte

Interminable labirinto político en Bolivia

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Referendo nacional constituínte en Bolivia; clic para aumentar
Hoxe ábrese unha nova etapa no país andino. Un 60% dos bolivianos reafirmaron a súa vontade democrática por defender a idea de Morales de "refundar Bolivia", outorgándolle ás 36 etnias indíxenas do país un histórico recoñecemento de igualdade de dereitos.
 

A Constitución recentemente aprobada en Bolivia culmina temporalmente un turbulento pulso político iniciado en 2006 entre o goberno de Evo Morales e a oposición, basicamente radicada nos departamentos orientais. Neste período, os enfrontamentos violentos entre partidarios e detractores de Morales coincidiron con sucesivas votacións democráticas que lexitimaron aínda mais a presidencia de Morales.

Hoxe ábrese unha nova etapa no país andino. Un 60% dos bolivianos reafirmaron a súa vontade democrática por defender a idea de Morales de "refundar Bolivia", outorgándolle ás 36 etnias indíxenas do país un histórico recoñecemento de igualdade de dereitos. Tanto este como outros moitos apartados da Constitución Política do Estado (CPE) dan conta da creación dun texto constitucional de carácter progresista.

Non obstante, a votación do pasado domingo 25 confirma claramente as dúas posicións políticas con respecto ao futuro do país. En primeiro lugar, resulta indubidable a lexitimidade presidencial e democrática de Evo Morales, elixido en 2005 cun 56% dos votos, reafirmado no cargo no referendo revogatorio de agosto de 2008 con mais do 60%, mesmo índice obtido tralo referendo constitucional do pasado domingo.

Se ben o goberno boliviano esperaba un respaldo popular maior no referendo constitucional, a votación confirmou que, en vez de esgotarse electoralmente, Morales mais ben aumenta e consolida o seu caudal de popularidade.

A lexitimidade de Morales corre paralelo ao segundo escenario, confirmado ante a polarización política e territorial existente entre o Occidente e o Oriente do país. Os prefectos dos departamentos orientais de Santa Cruz, Beni, Pando e Tarija, opositores ao proxecto de Morales, tamén obtiveron sólidos triunfos electorais que, incluso, lexitiman as súas posicións políticas. Nesas provincias, o Non á nova CPE superou tamén o 60%. O apoio ao goberno segue a concentrarse maioritariamente na capital La Paz e na estratéxica provincia do Alto, rica en recursos hidráulicos.

O momento actual pecha temporalmente o pulso iniciado en 2006 para abrir unha nova etapa, aínda incerta, que pode estar marcada pola negociación e o conflito. Para aplicar a CPE aprobada polo voto popular, Morales deberá negociar nun Congreso onde ten maioría pero cun Senado onde o seu partido Movemento ao Socialismo (MAS) está en minoría.

Neste sentido, os próximos meses presumen ser turbulentos nestes procesos de aprobación vía lexislativa, polarización que aumenta no caso de que as provincias orientais apliquen o recurso da violencia e Morales cumpra a súa ameaza de gobernar "por decreto" se o Senado non aproba a CPE. Un factor importante que podería minorar a posibilidade de conflito ten que ver coa posible apertura dunha nova relación entre Morales e o goberno de Barack Obama, trala expulsión en setembro pasado do embaixador estadounidense no país andino, acusado de actividades sediciosas en alianza cos prefectos orientais.

Paralelamente, os prefectos da denominada Media Lúa boliviana premerán aínda mais na súa pretensión de obter do goberno de Morales maiores demandas de autonomía das estipuladas na CPE. A base do conflito está no pulso entre a centralización recollida na CPE e os desexos "semi-separatistas" dos prefectos, que non esconden a súa pretensión de controlar case totalmente os apetecidos recursos petroleiros e gasíferos das provincias orientais.

Cun novo marco constitucional, e seguindo o exemplo de Venezuela (1999- 2000) e Ecuador desde 2007, Morales afrontará unhas novas eleccións presidenciais que buscarán "lexitimar" aínda mais o seu mandato, agora baixo unha nova Constitución e os novos poderes públicos. Esta elección presidencial estaría prevista para o próximo 6 de decembro de 2009, o cal permite albiscar un novo reto electoral para Morales e os prefectos opositores. Con isto, e a pesar dos elevados índices de aprobación ao goberno de Morales, a polarización política e territorial semella asentarse como o indicador principal do actual proceso político boliviano.